CONTRACULTURA

Mariña de Toro, responsábel da sección de libraría en Numax: “Numax ten unha forma singular de abordar a actividade cultural, mais sempre tecendo lazos”

Mariña de Toro analiza os oito primeiros anos da cooperativa Numax
Marcos Flórez, Mariña de Toro, Xan Gómez, Adrián Pardellas e María Villamarín, socias traballadoras de Numax. (Foto: Juan Meseguer)
photo_camera Marcos Flórez, Mariña de Toro, Xan Gómez, Adrián Pardellas e María Villamarín, socias traballadoras de Numax. (Foto: Juan Meseguer)

Mariña de Toro, responsábel da sección de libraría en Numax, aborda a celebración dos oito anos do proxecto e as súas perspectivas para o futuro así como o galardón de honra dos Premios Follas Novas co que foi recoñecida a traxectoria desta cooperativa que ademais de libraría, tamén é un cinema e un laboratorio de deseño, de comunicación e de produción audiovisual.

Cal é a lectura que fan destes oito anos do proxecto?

É un alivio e unha satisfacción poder celebralos. Vimos dunha época bastante complicada porque o proxecto xa naceu nun momento no que non había practicamente ningunha sala de cinema que programara en versión orixinal en Santiago, polo que houbo que sacalo adiante desde cero e con moito esforzo. Ademais, esta é unha cidade moi estimulante na que sempre é difícil arrancar un proxecto e mantelo. 

Despois, desde 2019, a situación foi bastante complexa para manter vivo un proxecto cultural, porque coa pandemia tamén houbo un tempo no que a xente se refuxiou moito na intimidade das súas casas. A actividade cultural é moi delicada e require da participación da xente e nesa época para coidar as persoas tiñamos que limitar a actividade. 
Agora parece que desde o ano pasado se está a normalizar a relación da xente coas actividades culturais, as persoas están volvendo ás salas de cine, entón para nós é unha alegría poder celebralo sabendo que podemos seguir adiante e, sobre todo, poder compartilo coa xente que o apoiou desde os inicios. 

Na xornada de celebración tamén contaron coa participación doutras entidades como Colapso Colectivo, Alouette Machine ou Cineclube de Compostela. É unha demostración da colaboración dentro do mundo empresarial?

É que un negocio por si só non vai a ningures. Se só existise unha libraría nesta cidade a xente non lería. O que é necesario para que a cultura se manteña viva é ter o maior número de puntos de acceso posíbeis, sexan bibliotecas ou librarías. É así como se crea o desexo de ler, de contar, de ver. A cultura non pode ser patrimonio dun só. Neste sentido estamos contentas porque somos un proxecto de economía social, unha cooperativa de traballo sen ánimo de lucro, polo que a nosa intención sempre é crear un tecido social e cultural.

Queriamos celebrar estes anos de vivencia do proxecto, mais dentro do marco que é a nosa cidade, o contexto no que nos inscribimos. Por iso a nosa vontade tamén era estabelecer relacións con outras entidades afíns, colaborativos e autoxestionados. Foi un día de celebración, mais tecendo alianzas con outros colectivos da cidade. 

Na fin de semana recibistes o galardón de honra á traxectoria dos Premios Follas Novas. Que supuxo?

Nós entendemos que a traxectoria neste caso se refire á forma de avanzar e non tanto a unha traxectoria dilatada no tempo. Entendemos que aquí están premiando a fórmula, o modelo. Galiza é un dos puntos do Estado con máis librarías, o que tamén é un reflexo de como é a nosa sociedade e poboación, e cada unha responde a un modelo diferente. Entendo que están premiando a iniciativa do proxecto, o feito de ser unha cooperativa social sen ánimo de lucro que estabelece os seus eixos de traballo na colaboración e que é a un tempo libraría e cinema. É un proxecto cunha forma de abordar a actividade cultural singular, mais sempre buscando tecer lazos entre nós mesmas, as persoas que traballamos na cooperativa, e o contexto. 

Cales son as expectativas para o futuro?

Temos a vontade de que sexa un proxecto sólido que se defenda por si mesmo, independentemente das persoas que traballamos nel neste momento para que, se a vida nos leva por outro lugar, Numax poida seguir adiante. Isto é moi importante porque o noso principal obxectivo é fornecer de traballo as persoas dentro do ámbito da cultura. Estamos nun momento de cambio de paradigma no que xogan un papel o cambio de hábitos de consumo e os xigantes que traballan coa venta a domicilio, que fan que a xente abandone os espazos físicos e que se retraia na intimidade dos fogares. Con todo, tamén é unha fortaleza porque o que nós ofrecemos é algo que non poden dar as compañías das que falamos.

Comentarios