Ameazadas polos eucaliptos

Mariña Patrimonio reclama que se cataloguen dúas novas mámoas en Xove

Dous xacementos recentemente descubertos na parroquia da Rigueira, en Xove, polo colectivo Mariña Patrimonio foron propostos para entrar no catálogo da Xunta, que segundo denuncia a asociación deixa fóra a práctica totalidade dos achados feitos polos integrantes estes últimos anos na zona.
Mámoa localizada no lugar de Corveira (Xove).
photo_camera Mámoa localizada no lugar de Corveira (Xove).

Mariña Patrimonio vén de solicitar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a catalogación e protección de dúas novas mámoas descubertas na parroquia da Rigueira, no concello de Xove.

Grazas á información facilitada por un profesor da zona, o colectivo puido localizar hai por volta dun mes no lugar de Corveira unha das mámoas máis monumentais da Mariña, que conta cuns 20 metros de diámetro e dous de alto, dato sobre o que Manuel Miranda, integrante da organización, chama a atención ao tratarse dunhas dimensións considerábeis para un xacemento deste tipo. De facto, esta mámoa atópase nas proximidades da que a día de hoxe se considera a maior da zona, a mámoa de Guilán, descuberta por Mariña Patrimonio en 2017.

A plantación de eucaliptos, que se realizou recentemente sobre este monumento megalítico, deixou á vista parte da coiraza pétrea que a cobre. Ao formárense os túmulos por unha elevación do terreo, a aparición desta coiraza resulta fundamental para poder identificalos con certeza.

Os labores forestais, co paso da pala escavadora por riba da mámoa, afectaron tamén á parte superior, onde, a pesar de todo, se aprecia claramente o cono de violación, outra das estruturas habituais que se atopan nesta sorte de arqueoloxías.

Trátase, en realidade, dun buraco que presentan na súa área máis elevada froito do espolio dalgunha escavación ilegal na procura de tesouros ou para o aproveitamento das pedras.

Mámoa de Labradela

Por outra banda, Mariña Patrimonio descubriu no lugar de Labradela, hai xa catro meses, o túmulo de Modia de Lamoso. Esta mámoa, explica Miranda, ten xa unhas dimensións máis reducidas, que andan polos 14 metros de diámetro e metro ou metro e medio de alto.

Nela tamén se aprecia o cono de violación e restos da coiraza. Como acontece co túmulo de Corveira, este monumento está afectado por unha plantación de eucaliptos.

Ante o desleixo institucional

Debido a que nos últimos tres anos a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural non atende as solicitudes presentadas por Mariña Patrimonio, son moitos os bens patrimoniais que quedan fóra do catálogo e, polo tanto, desprotexidos.

Por este motivo, a asociación achegou ao concello de Xove outra solicitude para que inste á DXPC a protexer estes dous novos monumentos megalíticos aparecidos no territorio.

"Algún día a Dirección Xeral de Patrimonio terá que reaccionar, non poden seguir así, terán que cumprir o que dita a propia lei", comenta Miranda en relación ao desleixo institucional

"Algún día a Dirección Xeral de Patrimonio terá que reaccionar, non poden seguir así, terán que cumprir o que dita a propia lei", comenta Miranda en relación ao desleixo institucional.

Excepcionalmente a mámoa de Guilán si que se atopa catalogada "grazas a que nese momento a asociación decidiu presentar a solicitude a través doutra persoa", explican.

Porén, non correron a mesma sorte outros seis bens patrimoniais descubertos no mesmo ano e cuxas solicitudes asinou Mariña Patrimonio. Por iso, esperan que a DXPC remate co "pueril boicot" contra a asociación e cumpra coa súa obriga.

Comentarios