A Asemblea xeral da AELG aproba a designación de Mariasun Landa como Escritora Galega Universal

A asociación, que este ano celebra o seu 40º aniversario, acordouno este sábado. Tamén se distinguiu como Mestras e Mestre da Memoria a Batuko Tabanka e a Emilio Españadero, respectivamente.

Mariasun_Landa_(Natividad_de_la_Puerta_Rueda)
photo_camera A escritora vasca Mariasun Landa, Escritora Galega Universal 2020 (Nós Diario)

A escritora vasca Mariasun Landa (Errenteria, 1949), que desenvolveu a maior parte da súa produción literaria en éuscaro e no eido da literatura infantil e xuvenil, foi designada Escritora Galega Universal 2020 pola asemblea xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que este sábado se reuniu no Museo do Pobo Galego, en Compostela.

A designación prodúcese "desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi", sinalaron desde a AELG.

O premio será entregado o vindeiro 9 de maio, no marco da V Gala do Libro Galego, que terá lugar no Teatro Principal da capital galega. Nas anteriores edicións, recibiron esta distinción as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó e María Teresa Horta.

Mestras e Mestre da Memoria

Ademais, a asemblea da AELG aceptou a proposta da sección de Literatura de Tradición Oral da AELG de recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2020, respectivamente, a Batuko Tabanka e a Emilio Españadero.

A proposta chegou previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa. A entrega das distincións terá lugar en Lugo no mes de maio durante a V Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria e contará co apoio do Concello lucense.

Tabuko Tabanka é un grupo formado por 12 mulleres nacidas en Cabo Verde, residentes na Galiza, a maioría en Burela (A Mariña Central). O grupo formouse a finais do pasado século nesta localidade. En 2009 gravaron o seu primeiro disco Djunta mô ("Xuntamos as mans"), editado pola produtora PAI Música, para o que contaron coa colaboración de Uxía, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Rodrigo Romaní e Fernando Abreu.

Emilio Españadero Paz, pola súa banda, e o director e presentador do programa radiofónico Lume na Palleira desde 1992 (na Radio Galega, desde 1996). Ademais é ex compoñente do colectivo de música tradicional O Son Da Terra e da banda de gaitas Os Rexumeiros, organizador das Noites Celtas na Coruña e membro do xurado en distintas edicións do Certame Runas do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, entre outras ocupacións,

40º aniversario

Ademais, a Presidencia da AELG informou dos actos previstos para a celebración, este ano, dos 40 anos da fundación da asociación. As actividades, que se desenvolverán no outono, inclúen un acto aberto ao público no Teatro Principal da cidade de Pontevedra, durante o que se proxectará un documental ─xa en proceso de elaboración─ no que se repasará a historia da entidade.

Tamén, se expuxeron as liñas de traballo que desde a Presidencia se están a levar a cabo para que a lexislación contemple "as reformas necesarias para estabelecer a compatibilidade entre a actividade de creación artística e o cobro da xubilación". Tamén, "a potenciación do labor do Instituto Cervantes no espallamento da cultura e lingua galegas, sobre todo no ámbito da lusofonía" e, finalmente, "o impulso do ensino da lingua galega no Estado español".

Comentarios