venres 03/12/21

María Xosé Queizán, elixida como Galega Nas Letras deste ano

Este ano celébrase a terceira edición do Día das Galegas nas Letras, e a escritora escollida é a viguesa María Xosé Queizán. Incluimos manifesto no interior.

1275646207476queizan_maria_xose_2006
María Xosé Queizán [Arquivo AELG]

O Día das Galegas nas Letras está organizado pola plataforma de crítica literaria A Sega. Nas súas palabras, esta xornada “busca celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular”. A data central dos actos de celebración é o 15 de agosto “por ser o día da Nosa Señora (das letras galegas)”. 

María Xosé Queizán (Vigo, 1939) é escritora, catedrática de lingua e literatura galega e unha das figuras máis salientables do feminismo galego, tendo publicado varios ensaios sobre o tema. Asemade, tamén ten unha sólida carreira tanto na narrativa coma na poesía, e mesmo ten publicado dramaturxia. Ten traducido a Marguerite Yourcenar e  a Karen Blixen.

A primeira edición foi dedicada á compiladora do cancioneiro popular galego, Dorothé Schubart, e a segunda  a María Victoria Moreno, referente na literatura infantil e xuvenil galega. 

Como cada ano, A Sega publica un manifesto titulado “Je suis...” para a celebración deste día, que reproducimos aquí: 

“Para o patriarcado as treboadas teñen nome de muller. Ao patriarcado dálle medo o vento, a choiva e os eventos da terra e do mar. Mais nosoutras gardamos no noso seo un trebón, unha forza da natureza, pero totalmente racional. Un trebón que nos pensou para podernos logo repensar. Unha voz que non admite xustillos, que os habitou e os rachou todos, incluídos os máis duros.

Se algunha de nós pode sentir a violencia do privado que os homes da cultura levan ao espazo público é ela. Os silencios, as exclusións, as insinuacións e as infamias que ela encheu de luz cunha voz firme e controvertido, total e iconoclasta. Case todos os séculos foron algo escuros para ela porque a sombra patriarcal non acepta francotiradoras. Mais nosoutras si.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Nosoutras habémonos deixar arrastrar pola forza dos ventos, caer nas catástrofes que ela crea e nas redencións marabillosas que nos outorga para sementar e multiplicar a súa obra inmensa e vizosa. Aprendemos dela, que devolve cada agravio cunha palabra certeira, cunha reflexión, cunha obra universal porque nada do que acontece lle é indiferente. Ela devolve cada agravio cunha palmada, co ritmo dun rap, cun baile e cunha festa.

Antes de que fósemos modernas e falásemos do queer ela xa escribira vidas trans, lésbicas, fóra de ningún canon. Antes da reflexión sobre as reescritas ela regresara a Antígona, a Medea. Antes das intertextualidades ela puxera a orella no buraco para escoitar falas doutros lugares. Catou moitas bandeiras pero só para pasalas -con perdón- polo seu soberano cu e seguir sendo irreverentemente quen ela é.

Nun momento no que as bandeiras, a egalitè-libertè-fraternitè, as nacións e os estados se usan adoito para calquera cousa menos para acabar co patriarcado, nosoutras, coma ela, facemos do noso cu un pandeiro e subvertemos o aberrante JE SUIS pola causa das mulleres. Porque se temos que ser alguén, seremos MARÍA XOSÉ QUEIZÁN ou non seremos ninguén”.
 

María Xosé Queizán, elixida como Galega Nas Letras deste ano
comentarios