María Xosé Queizán e Antía Cal gañan o Premio Otero Pedrayo

Por vez primeira dúas mulleres son as galardoadas con este recoñecemento convocado polas catro deputacións e  Xunta.

premio_oteropedrayo_011
photo_camera Xurado do premio 'Otero Pedrayo'

A pedagoga e ensinante Antía Cal e a escritora Mª Xosé Queizán son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo, convocado polas catro deputacións e a Xunta e organizado nesta edición pola Deputación da Coruña.  O premio está dotado con 16.000  euros.

O Premio Otero Pedrayo recae por primeira vez en dúas mulleres, pioneiras no mundo do ensino e do uso do galego na escola no caso de Antía Cal e na defensa dos dereitos das mulleres desde todos os ámbitos, de maneira especial desde o literario, ensaístico e activista, María Xosé Queizán. Desde a súa creación hai xa máis de corenta anos, a pasada edición foi a primeira vez que unha muller, Margarita Led.

A mestra e pedagoga Antía Cal (La Habana, 1923) foi durante o seu tempo como ensinante un referente da nova pedagoxía que busca en modelos anovadores que daquela nacían en Europa, nunha época na que a escola estaba dominada polo franquismo. Ademais de ensinar, trata de completar a educación creando materiais didácticos dos que nace a enciclopedia ‘O libro dos nenos’ e o volume ‘A arte e a súa historia’, escritos en galego nos anos cincuenta. Do encontro cos novos movementos pedagóxicos nace a Escola Rosalía de Castro que ela crea en Vigo, un centro laico, plural, diverso, democrática e conectada co mundo que a rodeaba. Antía Cal deixou a súa traxectoria escrita na súa autobiografía Este camiño que fixemos xuntos, un volume que mostra unha muller emprendedora, de grande amor ao país, a súa lingua e a súa cultura e exemplo de mestra que cre no poder e na necesidade dunha escola participativa e galega.

  

A escritora Mª Xosé Queizán (Vigo, 1939) conta cunha intensa traxectoria na literatura e tamén no activismo centrado, de maneira especial, na defensa dos dereitos das mulleres. Queizán é pioneira na teorización do movemento  feminista desde a situación que vivían  e viven as mulleres galegas que se reflicte nun amplo corpus ensaístico mais tamén nos outros xéneros literarios que a autora visitou. 

O obxectivo do premio é, ademais de perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo no campo das letras e o coñecemento, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promocionar os valores propios de Galiza.

O premio foi creado en 1977 e o escritor Carlos Casares foi o primeiro galardoado dunha listaxe que incluiría personalidades e entidades como Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Antón Fraguas, Xaquín Lorenzo, Fundación Otero Pedrayo, Manuel María e Uxío Novoneyra, Centros Galegos de Bos Aires e Montevideo, Museo do Pobo Galego, Real Academia Galega e Laboratorio de Formas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas ou, na última edición, Margarita Ledo Andión, a primeira muller premiada.

Comentarios