María Victoria Moreno, a candidata con máis opcións para as Letras 2018

Hoxe remata o prazo de presentación de candidaturas para a persoa a quen se homenaxeará no Día das Letras do vindeiro ano. E todo apunta á escritora cacereña. 

María Victoria Moreno
photo_camera María Victoria Moreno [Fonte: Álbum de Mulleres / Arquivo familiar]

Hoxe mesmo, quinta feira, remata o prazo de presentación de candidaturas por parte dos académicos. A opción gañadora elixirase nun plenario o vindeiro sábado 17 de xuño. E segundo fontes non oficiais consultadas por Sermos, a persoa con máis posibilidades de conseguilo para o vindeiro ano é a profesora e escritora María Victoria Moreno, cuxa candidatura estaría promovida pola executiva entrante logo dun pacto coa dirección que capitaneaba Alonso Montero.

Sen embargo, outras voces matizan as posibilidades desta candidatura. Vai ser determinante, a teor destoutra fonte, quen pase á segunda volta, pois -aseguran- se tiver que competir directamente cunha opción respaldada por un currículo literario de maior relevo, podería rematar caendo. 

A opción gañadora elixirase nun plenario o vindeiro sábado 17 de xuño

Mentres, por parte do sector que non apoiou a executiva liderada por Víctor Freixanes, o seu respaldo irá cara as propostas do profesor Ricardo Carvalho Calero, a quen xa propuxeron en máis dunha ocasión, e do poeta de Dodro Eusebio Lorenzo Baleirón. 

Sinal de identidade

A actual dirección da RAG, continuísta con respecto ao mandato anterior, levou o tema da incorporación da muller á Academia como un dos seus sinais de identidade. E, de feito, nestes catro anos levaron ao plenario a Marilar Aleixandre, agora na Executiva, e á poeta Chus Pato, que aínda non tomou posesión da súa cadeira en Tabernas. 

Nestas semanas previas á elección multiplícanse os apoios a uns e outros candidatos e candidatas. A campaña liderada pola plataforma feminista de crítica literaria A Sega continúa a reivindicar a presenza de máis mulleres tanto no plenario da RAG -onde agora mesmo hai seis e haberá en breve sete en canto entre Pato- coma nas figuras homenaxeadas, onde o resultado é aínda máis magro: só tres mulleres desde 1963 até hoxe: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera (1987) e María Mariño (2007). 

Pero hai máis: o Concello de Dodro apoia ao seu veciño poeta, Eusebio Lorenzo Baleirón; e o de Pontevedra á propia María Victoria Moreno, que se asentou na cidade desde que chegou a Galiza. Desde o Bierzo seguen a reivindicar neste segundo centenario do seu nacemento ao poeta do Rexurdimento Antonio Fernández Morales. E desde Valdeorras a Florencio Delgado Gurriarán. 

Mestra e pioneira da LIX

María Victoria Moreno Márquez (1941, Valencia de Alcántara-Cáceres - 2005, Pontevedra) foi unha mestra e escritora que chegou a Galiza en 1963, onde ficou para sempre e se integrou na súa  cultura. A súa maior produción literaria foi no terreo da literatura infantil e xuvenil, onde foi unha pioneira, aínda que tamén ten publicado ensaio, poesía, tradución e narrativa para adultos. Ademais, colaborou en libros de texto e dirixiu a colección Árbore da editorial Galaxia. A Sega xa lle dedicou o seu II Día das Galegas nas Letras.
 

Comentarios