María Victoria Moreno entra en escena en Pontevedra

Seis compañías escenificarán en 60 actuacións a vida e a obra da autora, homenaxeada deste ano no Día das Letras Galegas

TEATRO MATRIOSHKA
photo_camera Teatro Matrioshka, unha das compañías participantes, nun momento da presentación da programación teatral do Ano da Lingua

O deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, o nacionalista Xosé Leal (BNG), apresentou a segunda feira 23A a programación teatral do Ano da Lingua. Esta edición, a súa protagonista será María Victoria Moreno, autora conmemorada no Día das Letras Galegas. Un total de seis compañías teatrais representarán por toda a provincia sesenta obras –de entrada libre– para pór en valor a súa figura baixo o lema ‘María Victoria Moreno a escena’.

“Con este programa o que facemos é democratizar de verdade o acceso á cultura, e conseguimos que todas as persoas, vivan no concello que vivan, poidan ver teatro de calidade”, asegurou Leal, que estivo acompañado por representantes de Viravolta Títeres-Seisdedos, Odaiko e Matrioshka Teatro, compañías participantes. Esta última escenificou, ademais, un pequeno fragmento da súa montaxe que leva por título Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos e coa que poñen en escena a faceta docente de Moreno.
 

Nesta peza, Lorena Conde –de Matrioshka Teatro– explica que procuraban homenaxear a autora ao tempo que recoñecían o seu labor docente. “Facerlle unha homenaxe a todas as figuras de referencia que todas temos na vida e que fixeron que sexamos mellores persoas”, explicou Conde. O espectáculo toca todos os aspectos que foron importantes na vida e na obra da escritora como son a literatura, o ensino, os animais e a natureza.
 

Pola súa banda, Viravolta Títeres–Seisdedos porá en escena Romance de cans, baseado no conto “Can branco, can negro”. O actor da compañía Anxo García explicou que aproveitaron este conto en formato romance para “recoller e introducir ditos e contos sobre cans e amosalos a través do personaxe do cego dos monifates”. Este traballo liga co labor de investigación sobre a representación popular desta figura, que aproveitan como recurso para poñer en valor textos de autoras galegas.

 

“Con este programa o que facemos é democratizar de verdade o acceso á cultura, e conseguimos que todas as persoas, vivan no concello que vivan, poidan ver teatro de calidade”, asegurou Leal

 

Odaiko, pola contra, levará polos concellos unha obra titulada Mar Adiante. Baseada na primeira obra de Moreno, a compañía constrúe un espectáculo musical “que é un soño, e construímos un barco escola que non se basea na relación de poder entre proefsorado e alumnado, senón que se basea na praxe”, aclara o actor Inacio Vilariño en alusión á pedagoxía reivindicada pola autora xa na década dos 70.
 

Alén destas tres, a programación cultural achegará ás familias e crianzas Unha historia de amor. Homenaxe a María Victoria Moreno, contacontos ilustrado a cargo do colectivo Polo correo do vento, e máis a adaptación da Editorial Galaxia de Leonardo e os fontaneiros, que pon en escena Ubu Teatro utilizando técnicas como a narración oral, a dramatización e o teatro de sombras.

 

Nunha franxa de público máis xuvenil sitúase a proposta Anagnórise, tamén producida por Editorial Galaxia e representada por Limiar Teatro. A compañía tira proveito dun lugar de despece para percorrer toda a road movie que narra a historia da obra orixinal.

Comentarios