'María Solinha' estrearase en xuño nun autocine en Verín

O Concello de Verín fechou un acordo con Vía Láctea Filmes para acoller a primeira exhibición mundial da estrea da película María Solinha, de Ignacio Vilar. Será nun autocine aproveitando a rede de parkings públicos que cambiaron a mobilidade urbana na vila do Támega nos últimos anos.
Aparcadoiro centro en Verín (Concello de Verín)
photo_camera Aparcadoiro centro en Verín (Concello de Verín)

A agardada estrea da película María Solinha de Ignacio Vilar xa ten data: será o vindeiro 21 de xuño, nunha gala que contará coa presenza das artistas e o director, no aparcadoiro libre central de Verín.

O propio Ignacio Vilar asegurou que "o compromiso de Verín co cinema mantendo unha sala de exhibicións pública e os seus enormes espazos de aparcamento no centro nos fixeron pensar nesta vila como lugar óptimo". Vilar asegura que "o autocine é o futuro”. 

O alcalde da Verín, Gerardo Seoane, explica que esta experiencia serivirá de "experimento" para aproveitar os espazos "estratexicamente situados" e que permiten esta actividade "contando cos protocolos sanitarios".

Permisos específicos

O proxecto, desenvolto coa colaboración de  Vía Láctea Filmes "conta cos permisos de exhibición específicos e a licenza de autocine, e coa correspondente frecuencia de FM na que cada vehículo, na súa propia radio, permitirá seguir a banda sonora con total calidade e aislados todos nos seus coches", explicou Seoane.

O aparcadoiro central da vila do Támega ten capacidade para acoller até 300 vehículos, e as prazas serán delimitadas para a ocasión. Desde o concello afirman que as persoas que asistan non terán contacto físico por non ter necesidade de baixarse dos coches.

Implicación hostaleira

Desde a área de Educación, Cultura e Festexos a súa responsábel, Emilia Somoza, indicou que se contactará co sector hostaleiro "para tentar de implicalos na iniciativa”. A idea, segundo a edil, é que "exploren a posibilidade de servir un `menú autocine´ que se poda consumir nos coches, ou de montar algún tipo de apoio ao evento".  A intención do concello é que "se o proxecto funciona" poder darlle continuidade ao longo do verán. 

Á proxección teñen previsto asistir todas as actrices e actores que participan nesta película así como o seu director.

Comentarios