María de Solina, benemérita da patria

O 23 de xaneiro de 1622 o tribunal da Inquisición pronunciou sentenza contra María de Solina, viúva de Pedro Barba, pescador da vila de Cangas,  morto catro anos antes. 

solina
photo_camera solina

Pedro Barba morreu catro anos antes de se iniciar o proceso contra María de Solina, "cuando los moros quemaron la villa de Cangas” segundo podemos ler no libro de Bernardo Barreiro de W. Brujos y astrólogos de la Inquisición de Galicia y el famoso libro de San Cipriano, impreso na Coruña en 1885, e que reproduce o proceso seguido contra María de Solina e moitas outras persoas, fundamentalmente mulleres.

Na Cartografía de apelidos de Galiza non aparece ningún "Soliña". Pola contra, 1538 levan apelido Soliño e deles 538 en Cangas. Un irmán de María era chamado Antonio Soliño.
For cal for o apelido, na conciencia de xente, perante aquel proceso que, segundo todos os indicios tivo como finalidade quedar o Santo Oficio cos bens da encausada, a quen ninguén acusara de nada durante sesenta e seis anos a pesar de estar comprobado que representantes da Inquisición vivían na vila de Cangas, for cal for o apelido, María de Solina foi para sempre María Soliña e así foi evocada pola literatura, polo cinema e pola memoria colectiva.

"O 23 de xaneiro de 1622 o tribunal da Inquisición pronunciou sentenza contra María de Solina, viúva de Pedro Barba, pescador da vila de Cangas"

Polos camiños de Cangas
a voz do vento xemía:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
Nos areales de Cangas,
muros de noite se erguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
Baixo os tellados de Cangas
anda un terror de auga fría:
ai, que soliña quedache,
María Soliña. 
María Soliña. ( Celso Emilio Ferreiro )

 Bernardo Barreiro de W, no citado libro, xulga, en nota final, o proceso de Maria de Solina totalmente inxustificado, cruel e oportunista, chegando a considerar esta muller, filla de Cangas,  non como bruxa, mais como “benemérita de la patria” até o punto de sentenciar que “só nos países salvaxes teñen lugar, e non moi frecuentemente, escenas como a do tormento aplicado con rigor a unha pobre vella de setenta anos”

"O 22 de xaneiro de 1622 María, de setenta anos, espida, escoitou do tribunal a sentenza". 

O 22 de xaneiro de 1622 María, de setenta anos, espida, escoitou do tribunal a sentenza. O escribán transmítenolo así:

“Esta reo foi votada “incompletum tormentorum” e en 22 de xaneiro de 1622, estando na Cámara do tormento, antes de a espir en presenza dos inquisidores, declarou ser verdade que renegara de Deus e cría que o demo a había de salvar, e pediu por Deus misericordia aos seus xuíces; e pasadas as 24 horas despois do tormento ratificouse e dixo que non se atrevera a confesar antes todo pola vergoña que tiña; e o 23 de xaneiro foi votada a ser reconciliada en forma e confiscación de bens, que non se acharon por ser moi pobre, e así foi sentenciada a levar o hábito penitencial tan só por medio ano”

"Barreiro coloca Galiza fronte a fronte con España e atribúelles sensibilidades a unha e a outra ben diferentes"

En 1885, cando Bernardo Barreiro publica o libro, Rosalía acababa de morrer. Resulta curioso comprobar como, nesta nota ao proceso de María de Solina, de maneira similar a como fixera Rosalía no prólogo de Cantares Gallegos, Barreiro coloca Galiza fronte a fronte con España e atribúelles sensibilidades a unha e a outra ben diferentes: “ Esto envergüenza á España fuera de toda duda en el siglo XVII, pero no puede avergonzar á Galicia en cuyos hábitos no entra generalmente el crimen del asesinato lento y terrible de la tortura contra mujeres ancianas y mucho menos por despojarlas de pobres intereses familiares” concluíndo que eran ordes de Madrid, quen sabe se de Roma, as que movían estes verdugos, que tampouco eran galegos “por ventura nuestra”

E finaliza chamando a xente a valorar e tomar en consideración o que Galiza ten de positivo: “Hay que advertir que Galicia tiene aptitudes ... para ser un gran pueblo, y lo será todavía, y hemos de consagrar toda nuestra vida y juramentar á nuestros hijos a que la consagren para que así suceda”

Xuramentémonos escoitando a voz do vento  con  María do Ceo, Luar na Lubre, Carlos Núñez e Teresa Salgueiro, Los Tamara, Benedicto, Amancio Prada ou Xavier del Valle.

Comentarios