María Rúa levou o premio Youtubeir@s de mellor canle por 'pradorua'

María Rúa: “A normalización do galego debe ir da man das redes sociais”

María Rúa, youtubeira galega, creou a súa canle na plataforma de YouTube en pleno confinamento, hai hoxe arredor de sete meses. A seu sitio, pradorua, gañou recentemente o premio do concurso Youtubeir@s na categoría de mellor canle. Rúa comenta que está moi feliz ante o recoñecemento do premio pero expresa a necesidade dun maior número de iniciativas que apoien a creación de contido en galego na rede. Rúa argumenta que “é fundamental que os medios de comunicación nos dean máis visibilidade”.
A youtubeira María Rúa, creadora de 'pradorua'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A youtubeira María Rúa, creadora de 'pradorua'. (Foto: Nós Diario)

Avante Pouca

Parabéns polo premio á mellor canle no concurso de Youtubeir@s, como se sente ao saber que gañou?

Pois moi ben, moi reconfortada. Estoulle pondo moitas ganas á canle e, aínda que o apoio da xente é moi importante, recibir un premio deste estilo anima moito a continuar. Ademais era a primeira edición na que participaba porque eu comecei coa canle durante o confinamento, non levo nin un ano con ela. Animeime a creala porque o ano pasado unha amiga comezara coa súa e convidoume a facer un vídeo xuntas. Foi cando me decatei do moito que me gustaba. Pero o que tiña claro é que non quería abrir unha conta para abandonala ao pouco tempo por non ser constante. O confinamento supuxo o mellor momento, tiven tempo para planificar e organizarme e finalmente animeime. E estou moi contenta, a acollida da canle foi moi boa. En sete meses, aproximadamente, xa cheguei aos 600 seguidores, que para o YouTube galego está bastante ben. Fago un contido moi diverso, tanto de educación como de cultura galego ou mesmo algún de maquillaxe. O que me apeteza en cada momento.

Avante Media 

Que importancia teñen iniciativas como a de Youtubeir@s para impulsar a creación de contido en galego?

Penso que son moi importantes pero, na miña opinión, insuficientes. Proxectos como o de Youtubeir@s dános moita visibilidade, pero precisamos máis. É certo que xornais como o Nós Diario ou Praza Pública tamén informan destes temas, pero outros medios, como a TVG, que pode chegar a moitas máis persoas, nunca falan de YouTube nin do galego nas redes, polo que non contamos con todo o público que poderiamos ter. Precisamos de máis iniciativas así como dun maior apoio por parte das institucións para que máis creadores e creadoras se animen a publicar contido en galego. Penso que é fundamental que os medios de comunicación se impliquen no tema e nos dean máis visibilidade.

Con todo, é certo que nos últimos anos comezamos a atopar máis contido en galego nesta plataforma, pero queda moito camiño por percorrer. Mellorouse moito pero aínda non é algo o suficientemente representativo. Penso que as redes sociais axudan enormemente á normalización da lingua, e máis se os temas que se tratan nas diferentes plataformas son os mesmos que se poderían atopar en castelán ou en inglés. Con isto quero dicir que o galego non só serve para falar do galego. Pódense tratar infinitos temas e iso é o que axuda á súa normalización. Medrou a cantidade do contido pero aínda debemos traballar moito, tanto no tema da normalización como no das redes sociais, dúas cuestións que van da man.

Avante Toda

Como ve o futuro do galego nas redes sociais? Vostede é optimista?

Si, son optimista, hai que selo, senón non conseguiremos nada. Coido que imos por bo camiño, xa se viu coa enorme participación nesta última edición de Youtubeir@s, pero temos que seguir traballando duro. É necesario que aquelas persoas que queren abrir unha canle en galego saiban que van ter unha acollida moi boa. Hai unha comunidade moi chula, que tamén anda por Twitter e outras redes, disposta axudar e a aconsellar a quen o precise. Eu tiven esa axuda e déronme a visibilidade que necesitaba para comezar. 

Pola miña parte, atopei apoio e agradecino moito. Agardamos coas mans abertas a calquera que queira comezar; oxalá siga medrando a comunidade porque é realmente un grupo de xente moi agradábel. Agora pola Covid non foi posíbel facer quedadas pero, cando a situación mellore, xa teño pensado facer unha colaboración coa miña amiga Helena na súa canle Cousas RarismASMR. Teño moitas ganas.

Comentarios