venres 17.01.2020
FERNÁNDEZ PAZ E LEDICIA COSTAS, ENTRE OS PREMIOS ÁNXEL CASAL

Maria Reimóndez, mellor autora para as editoriais, Yolanda Castaño para as librarías

En menos de vintecatro horas, librarías e editoras entregan os seus premios anuais. As editoriais escollen a María Reimóndez como autora do 2015, as librarías optan por Yolanda Castaño. 

Yolanda Castaño e María Reimóndez
Yolanda Castaño e María Reimóndez

No Pazo da Cultura de Pontevedra esta sexta feira á noite a Asociación Galega de Editores e na Cidade da Cultura de Compostela o sábado a Federación de Librarías de Galicia entregan os seus premios anuais que destacan os mellores libros, as mellores iniciativas e tamén, os nomes da literatura que destacaron no pasado ano. Desta volta, María Reimóndez e Yolanda Castaño son as escollidas polos dous gremios do sector do libro. 

O acto de entrega da X edición dos Premios Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores en Pontevedra desenvólvese esta sexta feira no Pazo da Cultura de Pontevedra, escenario no que se deron a coñecer os títulos premiados entre as propostas presentadas por cada unha das editoriais. A escritora María Reimóndez foi recoñecida co Premio Xosé María Álvarez Blázquez do ano pola súa traxectoria literaria. A autora vén de pechar un 2014 especialmente intenso, co Premio Xerais pola novela Dende o conflito alén da publicación doutras obras como Volvo! O regreso de Usha, A alternativa está aquí ou Moda Galega reloaded.

Pola súa parte, a Federación de Librarías escolleu a Yolanda Castaño como mellor traxectoria desta nova edición dos Premios Irmandade do Libro que se entregan sábado na Cidade da Cultura. No acto de entrega que se desenvolverá a partir das 18 horas daranse a coñecer os títulos gañadores do resto das modalidades. 

Os Premios Ánxel Casal, da Asociación Galega de Editores recaeron nesta edición en: 

-Premio ao libro de ficción: A viaxe da Gagarin, de Agustín Fernández Paz, editado por Edicións
Xerais.

-Premio ao libro de non ficción:  O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco F. Naval, editado por Ediciones Linteo.

-Premio ao Libro de poesía ou teatro: Estrela do Norte, de Luís Rei, editado por Kalandraka Editora.

-Premio Isaac Díaz Pardo libro mellor ilustrado: Leviatán, de Ramón Trigo, editado por Kalandraka Editora

-Premio Neira Vilas: Escarlatina a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, editado por Edicións
Xerais.

-Premio Lois Tobio o libro traducido: As floriñas de S. Francisco, traducido por Darío Xohán Cabana, editado por Alvarellos Editora.

-Premio Xosefa Vilarelle ó libro educativo: As mulleres galegas. Das marchas nómadas ás marchas mundiais das mulleres, de Pepe Carreiro, editado por Baía Edicións.

-Premio Xosé María Álvarez Blázquez ó autor ou autora: María Reimóndez

-Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial: Colección Rescate, de Alvarellos Editora.

-Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural: Bibliotecas Escolares de Galicia.

comentarios