martes 14.07.2020

María Reimóndez faise co Premio Pinto e Maragota

A escritora María Reimóndez foi a autora galardoada na primeira edición do Premio Literario Pinto e  Maragota pola Diversidade, convocado polo Concello de Pontevedra en colaboración coa editorial Xerais, pola súa obra  Cobiza.

A escritora María Reimóndez (Foto: Xerais).
A escritora María Reimóndez (Foto: Xerais).

A escritora María Reimóndez foi a autora galardoada na primeira edición do Premio Literario Pinto e  Maragota pola Diversidade, convocado polo Concello de Pontevedra en colaboración coa editorial Xerais, pola súa obra  Cobiza.

O traballo desta escritora lucense afincada en Vigo é unha novela  distópica do xénero de ciencia ficción, da que o xurado destacou "a súa altísima calidade literaria e a nova e revolucionaria reflexión sobre a construción do sexo e o xénero, as identidades e as orientacións sexuais, así como unha profunda mirada feminista e ecoloxista" na reflexión sobre o futuro do planeta tras a crise por mor da  COVID-19.

Ademais de votar por maioría a obra presentada por Reimóndez, os membros do xurado tamén resaltaron "a calidade e interese" de dúas obras: o poemario que se presentou co título de Contra natura e a obra xuvenil As sentinelas do silencio.

A presentación da peza gañadora desta primeira edición do premio tivo lugar durante a xornada de onte na praza de España, nun acto no que participaron a propia Reimóndez, a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, e a docente Ana Ojea, coordinadora da Rede Educativa de Apoio  LGTBIQ+ da Galiza e membro do xurado.

Ojea destacou a "alta calidade das obras presentadas a este pioneiro certame", 24 traballos de poesía, teatro e narrativa adulta e infanto-xuvenil.

A concelleira de Igualdade lembrou que o Premio Pinto e  Maragota é "o primeiro certame literario galego que se centra no ámbito  LGTBIQ", e que está dotado dun único galardón cunha asignación económica de 3.000 euros.

O traballo premiado será publicado por  Edicións Xerais de Galicia, que asinará con María Reimóndez un contrato de edición nas condicións habituais.

comentarios