Entrevista

María Rei Vilas: "Medrei cun relato desfigurado da realidade da represión"

María Rei Vilas (A Laracha, 1964) levou o Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) coa súa primeira novela, que agora publica Galaxia. 'Flores de Ferro', ambientada nos anos 80, achégase aos silencios da represión, co elemento que lle dá título moi presente na trama ao tempo que se fai metáfora das mulleres que a protagonizan.
A docente e escritora María Rei Vilas. (Foto: Antía de la Fuente)
photo_camera A docente e escritora María Rei Vilas. (Foto: Antía de la Fuente)

Que a leva a achegarse á temática da memoria da Guerra Civil?

A novela está escrita desde tres puntos de vista. Está Camila, a protagonista máis nova, situada en 1987, que tería 35 anos. Aínda que é un pouco maior ca min, identifícome con ela. Creo que medrei cun relato desfigurado da realidade. Son da Laracha, dunha vila pequena, meus pais veñen dun contexto rural. Estiven sempre rodeada de mulleres fortes -as miñas veciñas, as miñas tías, as miñas avoas-, pero que nunca se atreveron a falar do pasado de fronte, con ese silencio ou negación, mesmo ocultación do pasado familiar, nalgúns casos republicano.

!Escollín un nome ficticio para o lugar (Briana) precisamente para ter esa liberdade, mais puido ser calquera vila galega"

É como unha débeda coa xeración das miñas avoas ou da miña nai, que morreu mentres estaba a escribir a novela, por certo, e ten o nome dunha das protagonistas. Son historias que fun almacenando durante moito tempo na miña cabeza, ou en cartafoles. Tamén tivo peso un obradoiro de teatro onde a media era de 70 anos, todas mulleres. Alí aprendín a ver un pouco cos ollos delas.

Malia ser un relato de ficción, hai moito pouso da realidade.

Si, está novelado, mais practicamente todos os feitos que se relatan aconteceron dunha maneira ou doutra, mesmo peores. Escollín un nome ficticio para o lugar (Briana) precisamente para ter esa liberdade, mais puido ser calquera vila galega.

"Unha das cousas que me preocupaba era transmitir a memoria das mulleres que eu coñecín á xeración seguinte"

Unha das cousas que me preocupaba era transmitir a memoria das mulleres que eu coñecín á xeración seguinte. Pensaba nas miñas fillas: unha ten 25 anos e outra 17. Fuxín de grandes protagonistas, heroínas ou heroes, personalidades históricas. Céntrome en xente do rural, dunha vila como A Laracha, en como reaccionou e sobreviviu ante unha situación tan extrema como a do 36 e todo o que aconteceu despois.

O medo, a culpa... Mimetizarse co vencedor, fuxir ou loitar eran as tres opcións que había. Desa débeda de memoria que eu sentía, así como do respecto cara a esa xeración que viviu a ditadura, na que as mulleres sobreviviron como puideron nun contexto absolutamente hostil, naceu o texto.

Se a memoria da Guerra Civil acusa silencios, a das mulleres aínda máis?

Non me cabe dúbida ningunha. Non tes máis que ver quen protagoniza case toda a ficción que hai, atopamos moi poucas mulleres. Sobre todo en relación ao que pensan elas. Poden participar, saír en moitas obras, pero eu quería escribilo desde o seu punto de vista, aínda que tamén hai un protagonista masculino, Antón.

Nace a novela de detectar ese oco na visión feminina?

Claro. Xurdiu máis dunha experiencia persoal, dun querer contar iso. Eu non estou metida no mundo da literatura, non pensei "vou escribir unha novela". Tiña unha historia e logo aprendín a contala. Formeime en técnicas narrativas, porque era un mundo que descoñecía ao que lle teño moito respecto. Quería contalo dunha maneira que chegase, igual tamén por dedicarme a comunicar con adolescentes durante 30 anos. Lérono as miñas fillas e deume moita alegría que as emocionase.

O xurado destacaba precisamente a "dosificación da intriga".

Ao principio quería contar só a historia de Antón e Olga. Porén, se cadra por deformación profesional, teño unha visión moi ecosistémica e só así parecíame moi nesgado. Por iso metín outras xeracións e personaxes. Custoume moito montalo, porque vai desde comezos do século XX até 1987 a través de tres puntos de vista e con saltos temporais moi grandes. Deume choio [ri].

O foco na intrahistoria aparece tamén pola súa profesión docente? Como valora o tratamento que se lle dá á Guerra Civil?

Non se explica nada. Creo que estamos deixando escapar esta xeración entre as mans. Hai un punto de vista que me interesa moito na novela, que é unha metáfora do que está a pasar agora, o de Antón. El exemplifica aquelas persoas que non queren ou non poden ver, que pensan que se fican quietas ou miran cara a outro lado non fan nada mal, que todo vai quedar calmo. E non é así: o mal cando se estende alcanza.

"Creo que estamos deixando escapar esta xeración entre as mans"

Eu que son de bioloxía sempre digo que cambio xenético non houbo nesta xeración, mais vexo nos adolescentes outra mentalidade. É unha mudanza ambiental. Reciben mensaxes desde a ultradereita simples e moi fáciles de dixerir. En cambio, non se lles está a transmitir a memoria de onde son, de onde veñen. Iso é o representa Camila, as persoas que descoñecen o pasado, o máis inmediato e familiar. A capa do libro represéntaa precisamente a ela detrás dun vidro cuberto de bafo. Tes dúas opcións: limpalo ou non. Se fas o primeiro, igual o que ves non che gusta, pero vaiche axudar a saber quen es e a construírte.

"A perda da lingua é brutal" en dez anos

"Moitas veces doume conta de que aos nenos que teño nas aulas non lles estamos a transmitir quen son e de onde veñen", opina María Rei Vilas. Como exemplo, explica que hai dez anos o seu alumnado na Laracha era practicamente galegofalante: "Aínda que falases castelán saías de alí falando galego polo propio clima que se xeraba no estudantado". Hoxe a realidade é outra: 60% castelanfalante. "A perda da lingua é brutal", asegura Rei Vilas, "algo se nos está pasando, e non é culpa dos rapaces".

"A perda da lingua é brutal", asegura Rei Vilas, "algo se nos está pasando, e non é culpa dos rapaces".

Igual que isto, nunha dinámica semellante, preocúpalle as mensaxes misóxinas ou racistas que está a recibir a rapazada, contra as que considera moi importante "non xulgar as novas xeracións, porque cando senten iso levantan un muro. Creo que hai que achegarse a eles. Se vemos un cambio de mentalidade é algo que xeramos os adultos".

Comentarios