venres 07/05/21
'Aí vén o maio!'

Pilar García Negro: “A virtude do xenio rosaliano é quen de converter estes primeiros ensaios e tentativas en obra feita e dereita"

Neste 4 de maio Nós Diario inicia un novo coleccionábel sob o título Aí vén o maio!. María Pilar García Negro, escritora e profesora honoraria da UDC, é a autora do primeiro fascículo centrado en Cantares Gallegos. Falamos con ela sobre a este título e o contexto en que o libro ve a luz.

PILAR GARCIA NEGRO
ESCRITORA E PROFESORA
Pilar García Negro.

Cantares gallegos é a obra fundacional da literatura galega contemporánea. Obviamente non nace do nada...

Os denominados séculos escuros (que cada vez o son menos, por novos achados que dan fe da permanencia dun fío de galego como lingua escrita) coñecen a súa ruptura co uso propositado do galego desde os primeiros anos do século XIX: literatura histórica, utilitaria, poética…, en verso e en prosa. Son as primeiras tentativas de emerxencia da lingua na letra escrita e publicada, ao calor dun despertar da conciencia patriótica que, no ecuador do século (1846; 1856) contará con fitos significativos que adquiren grande valor simbólico (Mártires de Carral; Banquete de Conxo). Con todo, a norma e o paradigma son os do español. Rosalía de Castro practica unha fusión extraordinaria: reivindicación patriótica-uso da lingua galega ao servizo dun libro unitario-elaboración dunha literatura culta, que beneficia toda a riqueza e especificidade da literatura popular, celebrándoa mais reintepretándoa para liberala do corsé etnográfico, e elevala, co máis depurado estilo, á altura dunha cultura viva e merecente de ser coñecida e respeitada, sen deixar de marcar sempre a súa pegada autorial, como muller e galega consciente das necesidades e problemas da súa nación.

Cais son os precedentes?

Os antecedentes máis importantes son: Proezas de Galicia (1810), de Xosé Fernández Neira; a publicación do Álbum de la Caridad (1862) derivada dos Xogos Florais da cidade da Coruña do ano anterior (colección onde ela figura con seis poemas, cinco dos cais pasarán a Cantares…); a fundamental obra de Xoán Manuel Pintos A gaita gallega (1853) e, desde logo, poemas de Francisco Añón, Alberto Camino ou a estrea de Eduardo Pondal: “A campana de Anllóns” (1858). Como xa indiquei, a virtude do xenio rosaliano é quen de converter estes primeiros ensaios e tentativas en obra feita e dereita: independente, non complementar da literatura española.

A quen se dirixe a obra e con que pretensións?

Loxicamente, a quen podía lela, en primeiro lugar, visto o elevadísimo analfabetismo reinante, isto é, ao público letrado galego para o animar ao coñecemento e defensa do seu país; ao público español, como antídoto firme contra a galegofobia. A partir da 2ª edición (1872), circulou como un maná sobre todo entre galegos emigrados en Madrid e en Ultramar. Chegan a circular copias ou recitados, segundo lembra Murguía, dando poemas por anónimos populares, tal era a mestría en captar a práctica social, psicolóxica e cultural do seu povo.

Onde radica a orixinalidade de Cantares Gallegos?

Nunha fórmula maxistral: o talento estético, a vontade rehabilitadora, a valentía expresiva, a excelencia poética e musical..., posto todo isto ao servizo do retrato do presente do povo galego, da maioría social en toda a extensión da súa vida: a lingua; o erotismo; a alegría e a beleza das festas; a autonomía feminina; a emigración; a filosofía popular; a denuncia do maltrato e da explotación en Castilla e en España... É de certo o máis importante documento histórico, para alén da súa calidade literaria, do seu tempo, con ruptura ou novidade incluída: o uso do verso para xéneros diversos; o claro protagonismo feminino; e a grande innovación de ousar retratar o agresor, o ofensor. Semellante actitude supón unha especie de credo, de oración laica, que afirma a existencia do povo galego e o seu dereito a ter futuro e vida no interior do país.

Podemos afirmar que estamos perante unha obra que trata un heroi colectivo mais cunha protagonista individual?

É que a “condutora” individual, a “meniña morena”, a rapaza popular, xustamente vai cumprimentar un mandato da comunidade. Ela é a que abre e cerra esta ópera en que vai comparecer unha polifónica, unha coralidade de voces diversas, con inclusión da propria voz autorial directa, como parte formante do povo, non como simples transmisora. Por iso, a obra é épico-lírica e forma un poliedro tan rico e variado de personaxes, situacións e condutas.

Tamén se soe considerar que Cantares, o prólogo, inicia o ensaio moderno en galego …

Non, realmente gran parte da crítica rosaliana ignorou ou ignora o valor do prólogo, cando el non é que sexa conveniente senón que é imprescindíbel para a cabal comprensión do libro todo. En primeiro lugar, está en galego, o que demostra a validade do mesmo para a prosa discursiva e reforza a unicidade da obra. En segundo lugar, elabora e desenvolve con total intelixencia un sumario da obra poética, acompañado da explicación da súa intención e da súa finalidade, así como de algo fundamental: os feitos deben preceder ao ditame dos “sabios”. Debe haber obra sen agardar polo permiso de gramáticos ou de “expertos” (inexistentes, por outra parte na altura; de facto, a primeira gramática galega merecente de tal nome, de Saco e Arce, é de 1868) que autorizasen a composición dun volume íntegro en galego. Para haber botánica, antes debe haber flora…

Carvalho Calero, xa en 1963, define este prólogo como “o máis antergo ensaio de prosa galega feito por Rosalía”. Francisco Rodríguez, en se referindo a este texto e mais ao que prologa Follas novas (1880), fala claramente de ensaios de decisiva importancia na interpretación da obra rosaliana. Catherine Davies ou Kathleen March tamén lles conceden a importancia debida. Nun dos meus libros sobre a escritora, enveredei por este camiño para analisar o máis amplamente posíbel estes dous paratextos, situándoos no seu tempo, contexto e contidos, demostrando a súa condición plena de ensaios, e, no caso do que abre Cantares…, para subliñar un duplo nacemento: o dun xénero literario e mais o da conciencia de xénero. Ambas inauguracións (literaria e feminista) danse a man, neste ano auroral (1863) da nosa historia contemporánea.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

comentarios