María Pérez, ilustradora: “Incluír á natureza nas miñas obras é unha forma de conseguir que o debuxo reviva”

María Pérez é unha ilustradora galega que leva desde que ten seis anos dentro do mundo do debuxo e a pintura. As súas obras, que xogan co realismo e con certos elementos surrealistas, contan cunha gran técnica. O seu gusto pola natureza queda patente nas pezas que comparte coas súas seguidoras nas redes sociais. Tamén se ocupa de encargos que se lle poden facer a través das mesmas, cun resultado máis que satisfactorio. Ademais, a ilustradora tamén se dedica a confeccionar cadernos artesanais.  
 
María Pérez estudou Belas Artes e quere dedicarse á ilustración nun futuro.(Foto: Nós Diario)
photo_camera María Pérez estudou Belas Artes e quere dedicarse á ilustración nun futuro.(Foto: Nós Diario)

Cando comezou a dedicarse ao mundo do debuxo e a pintura?

Cando tiña seis anos empecei en clases de pintura na miña vila. Con 14 ou 15 anos xa facía bastantes pezas e series de obras na miña casa. Xa en bacharelato decidín que quería facer algo relacionado co debuxo, polo que continuei pola carreira de Belas Artes.

Nela toquei diversas técnicas e descubrín a ilustración dixital, que foi pola que me acabei decantando. Ese é o contido que subo a miña conta artística (@maria.fnz). Como é un método máis innovador, é no que traballo ultimamente.  Desde abril do ano pasado, convertín o meu gusto polo debuxo nun proxecto máis persoal e non tan aleatorio.

Por que decidiu comezar a compartir as súas obras de xeito público nas redes sociais?

Xa había moita xente que sabía o que eu facía que me pedía que os compartise. O que pasa é que eu tiña moitas pezas e debuxos acumulados sen ensinar a ninguén, e nunca daba o paso de publicalos porque recoñezo que me daba bastante vergoña.

Durante o confinamento pasei por unha época de bastante abafo, así que decidín abrir unha conta en Instagram para que os demais puidesen ver algunhas das miñas obras, o que ofrezo e o que fago. Comezaron a gustar, e como vin que a xente pedía máis seguín a subir de xeito máis ou menos casual até xaneiro, cando empecei a levar a conta dun xeito máis serio.

Trata algunha temática en concreto nos seus debuxos? Ten algún obxectivo á hora de confeccionar as pezas?

Adoito combinar a natureza co corpo das persoas. Tamén fago moito retrato, pero diría que o primeiro é o eixo fundamental do meu traballo. Gústame bastante a botánica. Penso que é por vivir nunha vila desde que era unha crianza. Estaba acostumada a regar as flores na casa, e comecei a facer murais relacionados coa natureza e coas estacións. Para min, buscar a maneira de incluír á natureza nas miñas obras é unha forma de conseguir que o debuxo reviva e teña a súa esencia.

En canto a se hai algún obxectivo nas miñas obras, penso que hai un pouco de todo. Teño pezas máis reivindicativas sobre o pobo galego, sobre todo nos meus últimos traballos, pero tamén hai moitas veces que vexo algo que me chama a atención, tírolle unha fotografía e despois o represento a miña maneira.

Que acollida en xeral teñen as súas pinturas?

A verdade é que unha acollida moi boa. Eu traballo moito co realismo, e á xente impresiónalle cando fusionas o realismo con elementos surrealistas, como é o meu caso. En xeral gusta bastante o que fago. Tanto o que subo ás redes sociais como os óleos e pinturas que confecciono.

Como lle gustaría verse dentro do mundo do debuxo?

Acabo de rematar a carreira, e aínda que non sei onde vou traballar, si que me gustaría dedicarme a algo que estea relacionado coa ilustración, con maquetar, co deseño... É algo que descubrín durante o grao e me gustou moito. Estou bastante interesada en todo o que ten que ver co mundo dixital dentro do debuxo.

Que lle recomendaría a alguén que comeza agora a debuxar? E a alguén que quere difundir o seu traballo en redes pero non remata de dar o paso?

Que non teña vergoña e que se bote para adiante. A min sempre me deu moita vergoña mostrarme en público e realmente non tes nada que perder. O que tes xa o tes. Ninguén che vai dicir que o fas mal, senón todo o contrario, vante apoiar moito.

A veces poden chegar oportunidades que non esperas, e iso pódeche abrir moitos camiños. Todo avanza pouco a pouco, pero a xente vaille gustando o que fas e iso da moitas oportunidades á hora de entrar neste mundo do debuxo.

Comentarios