Gañadora do I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais

María Peinado: “Parecíanos moi necesario volver a achegar 'Farsa de Bululú' ao público galego”

A compañía Teatro da Ramboia foi a gañadora do I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. O proxecto presentado pola compañía —formada por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín— toma como base un texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, unha parodia sobre a ditadura franquista. 

 

María Peinado. Instagram
photo_camera María Peinado. Foto: cedida.

A obra gañadora obtivo un premio de 2.000 euros por parte da Fundación Manuel María e o compromiso pola parte dos concellos e deputacións colaboradoras de que a obra se inclúa na súa programación teatral. Por tanto, vaise representar nun total de 23 concellos, un número que moi poucos espectáculos alcanzan no noso país.

Falamos do proxecto cunha das componentes da compañía gañadora, María Peinado.

-Como foi o proceso de presentarvos ao certame?

-Foi un proceso longo. A Fundación Manuel María fixo unha comunicación ás compañías de teatro e a partir de aí tomamos a decisión de querer presentarnos a esta primeira edición moi rápido porque tiñamos moitas ganas de traballar cun texto da dramaturxia galega. Era unha oportunidade que nos apetecía moito. Pero despois tivemos que elixir o texto que íamos traballar, que finalmente foi Farsa de Bululú, e despois elaborar todo o proxecto e imaxinar como vai ser o espectáculo, a posta en escena.

-Por que Farsa de Bululú?

-A verdade é que foi unha decisión moi sinxela. Conectamos de seguida co texto. Parécenos que segue a ser unha obra moi necesaria hoxe en día, un texto que ao final é unha parodia da ditadura franquista e que, nos tempos que corren, tal e como está o panorama político e social, parecíanos que era moi necesario volver a achegar un texto así ao público galego. É unha obra que serve para reflexionar sobre aquel tempo pasado e entender que é o que está a acontecer agora mesmo.

-A partir de agora, cales son os próximos pasos?

-Quédanos moito traballo para poñer o proxecto en marcha e facelo realidade. É un espectáculo que está baseado no teatro popular e nas formas propias do teatro de marionetas. Entón, agora xa estamos meténdonos no deseño dos propios monicreques e no deseño do teatrillo. Tamén agora meterémonos de cheo na montaxe: empezar a traballar sobre o texto e cos actores.

Comentarios