María Obelleiro, directora do semanario, gaña o Xohán Carballeira de xornalismo

A directora do Sermos en papel, María Obelleiro, vén de acadar o XIV Premio Xohán Carballeira de Xornalismo do Concello de Bueu, que tamén recoñeceu -ex aequo- outra reportaxe de Montse Dopico na revista Luzes. 

mariaob2
photo_camera María Obelleiro

O XIV Premio Johán Carballeira de Xornalismo, promovido polo Concello de Bueu, recaeu este ano en dúas mulleres galegas, concretamente en Montse Dopico, coa súa reportaxe “Galaxia vs Galaxia. A construción de hexemonía cultural”, publicada na revista Luzes, e a de María Obelleiro Hermida, titulada “O apartheid sanitario na Galiza”, que saíu en Sermos. 

O xurado, conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira de Bueu, Montse Fajardo, xornalista e experta nas historias da memoria histórica, e Antón Lopo, gañador da pasada edición.

De entre os dezanove traballos presentados, dos que se destaca a esencia do xornalismo de Johán Carballeira, o xurado decidiu premiar a estes dous, ao ser “modelos de esixencia técnica e de investigación, que son ademais complementarias en dous ámbitos fundamentais para este galardón: o xornalismo cultural e o xornalismo social”. Ademais, o xurado insiste na calidade xeral dos traballos presentados, na súa variedade temática, de estilo e de enfoque que recollen a identidade do premio.

No caso de Montse Dopico, resalta a “utilización dos diálogos entre dúas persoas que ofrecen visións distintas sobre un feito histórico”, e o traballo de María Obelleiro “dá voz ás persoas non teñen unha persoa nos medios e incidindo na diversidade coral, para a análise dun tema tan lacerante como o da discriminación da sanidade que sofren as persoas inmigrantes”.

Ambas as dúas xornalistas, serán premiadas cun premio de 750 euros cada unha e serán homenaxeados nun acto que se organizará na Semana das Letras Galegas. No que atinxe á modalidade de poesía deste premio, o xurado vaise reunir o próximo 6 de maio ás 10.30 horas e terá que escoller un gañador ou gañadora de entre os corenta e seis poemarios presentados.

Na honra do xornalista e alcalde fusilado

Este certame naceu como unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, Juan Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira. Tras a posta en marcha da categoría de poesía, en 2002 botou a andar a de xornalismo, como unha forma de seguir dando a coñecer unha das facetas máis destacadas de Johán Carballeira, quen fora alcalde de Bueu no período republicano e foi fusilado a mans dos golpistas.

Ao longo da súa historia, téñense galardoado na categoría de xornalismo a Francisco Seoane Pérez, Eduard Rolland Etchevers, Óscar Curros Moure, Carmen Marina Vidal Valiña, Lois Pérez Leira e Mónica Lázaro Jodar, Fernando Arrizado Abuín, Óscar Iglesias Arauxo, Moncho Paz, Marta Lemos Jorge, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás e Antón Lopo.

Na categoría de poesía, foron premiados Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Adolfo Caamaño, Xurxo Alonso, Alexandre Nerium e Carlos Negro, Lupe Gómez, Diego Cousillas Novo, Paco Souto, Carlos Lema, Mario Regueira, Lucía Novas, Carlos Solla, Berta Dávila, Marta Dacosta, Mª Carmen Caramés Gorgal, Ismael Ramos Castelo e Pura Tejelo.

Comentarios