venres 23/10/20

María Mendoza, pianista: "Os salarios dos contratos da Rede Galega de Música ao vivo de Agadic son un insulto"

María Mendoza, pianista (MM)
María Mendoza, pianista (MM)

María Menzona chegou á Galiza desde Asturies en 2002. Desde ese momento, integrada no país, exerce como docente no Conservatorio de Música de Ourense e colabora en grupos como The Teta's Van e Avelaíña, ademais de participar coa súa obra na serie Contos do camiño de OQO Editora, na compañía de danza Trespediante ou en composicións para a Banda Municipal de Música de Santiago. O tempo da pandemia tróuxonos o seu terceiro CD, Cronos, que completa a triloxía que iniciou con Intro e Nova. 

A música sempre estivo presente na súa vida?

Si, sempre estivo presente. Na miña familia, sobre todo, as mulleres estudamos música. Quizais por unha reminiscencia do que era a burguesía no século XIX. Sempre vivín cun piano na casa. Miña nai fixo a carreira de piano e rematouna cando eu tiña catro anos. Sempre houbo música na miña casa.

Fálase do piano como un instrumento moi difícil. Pensa que é así?

Creo que todos os instrumentos teñen a súa dificultade, mais é certo que o piano é un instrumento moi completo, polifónico, que podes tocalo soa e non precisas de ninguén que acompañe. Hai moita xente que toca o piano, mais hai moita que o toca mal. Confunden a maneira puramente mecanógrafa do piano coa expresividade. Pensan que por tocar un Dó no piano... sairá a nota, mais para que soe ben... hai que saber e é o máis difícil.

Realiza docencia, composición, participación en grupos como The Tetas’s Van... con que actividade se atopa mellor?

Estou chea de contrastes e preciso o equilibrio. Gústame moito compoñer, estar na casa creando todo o tempo. Mais preciso saír a tocar. O escenario é aire, vida. Preciso sentir o pulso do público. Ver como chegan as pezas. Pasalas polo directo e ver se funcionan ou non. Podo gravalas na miña casa e sei que me gustan, mais quero saber tamén como responde o público. Gústame moito tocar con The Teta’s Van, é moi divertido e non ten nada que ver co resto. 

A mellor difusión para unha música na actualidade está en internet?

Hoxe en día é fundamental estar nas redes sociais e nas plataformas dixitais. Vivimos un momento moi complexo para a música. A xente xa non ten nin reprodutor de CD na  súa casa, estase perdendo. Eu empéñome en sacar os traballos en formato físico, por ser moi mitómana do CD. Medrei con iso e quero facelo. Spotify axuda a difundir a música, mais é unha mágoa que se perda o disco. Escoitar música nun teléfono paréceme que é unha porcallada.

Acaba de estrear o seu último traballo, 'Cronos'. Como o definiría?

Para min é o disco máis completo. A min gústame moito, coido que debo ser unha das poucas persoas que escoita os seus discos. É un fechamento do círculo que iniciei en 2016 co primeiro disco, Intro. O propio nome de Cronos, o deus grego da colleita e personificación do tempo, fala da idea de que cando sementas algo e lle das tempo, medra cara a arriba, mais tamén cara a abaixo, en espello.

É un xogo no que cada peza ten o seu reflexo. Igual que no libro de Lewis Carroll A través do espello e o que Alicia alí encontrou a protagonista decátase de que todo o do seu mundo ten un equivalente no outro, mais non é exactamente igual. Eu propoño as pezas en parellas onde cada unha ten algo en común. Xoguei moito.

A música está ben valorada na Galiza?

Non, para nada. É un mundo miserábel. É unha mágoa que coa boa canteira de música que hai e o mal valorada que está. Os salarios dos contratos da Rede Galega de Música ao Vivo de Agadic son un insulto. Tristemente o único valorado son as verbenas e as orquestras. Paréceme ben que teñan o seu público mais tamén estamos o resto, desde rock até jazz, pasando pola clásica. Non se nos dá a oportunidade que realmente poderiamos ter. Habería que garantir concertos para artistas locais co fin de  garantir creación.

comentarios