María Jesús Rodríguez: "Non se pode programar cultura de costas ás persoas, hai que saber as necesidades da xente"

María Jesús Rodríguez, membro do Teleclube de Lugo, participa na primeira edición de 'Convivio. A ponte perfecta', que organiza hoxe a asociación Arteficial en Ribadavia. Haberá dous faladoiros e un concerto que procurarán tecer rede entre axentes culturais e diferentes colectivos da Galiza e Portugal. O evento xira ao redor da idea da descentralizar a actividade cultural, que adoita centrarse nas cidades do eixo atlántico. 
O Teleclube de Lugo, do que forma parte María Jesús Rodríguez, reclama máis apoio para a cultura (Foto: Nós Diario).
photo_camera O Teleclube de Lugo, do que forma parte María Jesús Rodríguez, reclama máis apoio para a cultura (Foto: Nós Diario).

Como nace o Teleclube de Lugo?

Xurdimos en 2018 polas inquedanzas de catro persoas cunha amizade previa. Naceu da idea de que había máis vida cultural alén de Vigo, Compostela e A Coruña. Por que temos que coller un tren ou un coche para ir aos concertos ou exposicións que nos gustan? En Lugo contamos cunha serie de programadores de salas que estaban facendo cousas interesantes e sumámonos a ese carro. Decidimos programar pola nosa parte facendo eventos algo distintos.

A nosa marca de identidade, inicialmente, é que queremos seguir mantendo e apostar por espazos diferentes. Lugares que non están pensados para, por exemplo, facer concertos e que nós empregamos para ese fin.      

Como será esta experiencia de convivio entre a cultura galega e portuguesa?  

O propio nome do evento introduce a idea de que será a ponte perfecta, como unha maneira de tender pontes entre Portugal e a Galiza. Falarase de distintas actividades e programacións culturais que teñen lugar ás dúas beiras da raia. Partillaremos as diferentes formas que temos de crear acontecementos artísticos e culturais á marxe da grande industria.

Desde Arteficial sempre contaron coas experiencias lusas e a nosa relación con esta entidade de Ribadavia sempre foi moi boa. Para esta edición convidáronos a estar nun dos dous faladoiros e tamén a programar o concerto do artista Garza. A colaboración continuará en Lugo onde Arteficial organizará un concerto o 7 de maio no local Ho Gruf.  

No debate en Ribadavia tratarán a descentralización da programación cultural. De que maneira podería levarse a cabo?

Eu creo que apostando pola xente que está traballando e que ten ideas. Sempre participei en concertos e festivais. Pódoche dicir que desde a Costa da Morte até o Val Miñor e tamén no interior do país hai moita actividade en localidades pequenas. Con máis ou menos tradición, de menor ou maior formato. Considero que hai que apostar pola xente que os organiza, que ten ideas. 

Creo que para as institucións e as Administracións públicas sería máis doado axudar ás persoas que programas, aínda que sexa cedendo espazos ou facilitando determinadas instalacións, recursos humanos e difusión. 

Non fan falta grandes investimentos económicos. Se queren apostar poden. Trátase de falar coas persoas que xa se moven na actualidade. Un detalle importante é contar sempre coa veciñanza. Non se pode programar de costas ás persoas que viven nunha aldea, vila ou comarca. Hai que saber as necesidades que teñen para coincidir coas demandas da xente.  

Que vantaxes traería incidir máis na colaboración cultural con Portugal?

Coa lingua e culturas tan semellantes, mesmo idénticas en certos aspectos, temos máis da metade do camiño andado. É moi sinxelo facer colaboracións con Portugal, sobre todo coa parte norte. Certo é que hai esa maior presenza do eixo Vigo-Porto por ter unhas mellores comunicacións. Mais temos esa magnífica raia e todo o que significa a nivel histórico, político, cultural e social. Zonas como a Baixa Limia tiveron unha comunicación directa con Portugal de sempre. Hai que fixarse nesa outra parte da Galiza que comunica directamente con Portugal. Vantaxes véxolle todas.

É un enriquecemento para ambas as comunidades. Por outro lado, sempre houbo moitas facilidades no sector cultural. Nós en Lugo, por exemplo, malia estar afastados de Portugal temos programado desde hai tempo grupos e artistas lusos. A comunicación é moi doada e son profesionais moi serios, que o facilitan todo. Canto máis estreitemos estes lazos e apostemos pola colaboración mutua, mellor será.

Comentarios