María González é cocreadora de "Caneliñas, a costa das baleas"

María González: “Caneliñas foi un berce do feminismo na Galiza”

"Caneliñas, a costa das baleas" é o primeiro proxecto audiovisual das xornalistas María González e Paula Castiñeira. O documental, que conta a historia da antiga baleeira de Cee, unha das máis importantes de toda a Península Ibérica, xoga o dobre papel de dar valor á historia da Galiza obreira do século XX, e en especial das mulleres da Costa da Morte; e dar visibilidade a unha situación medioambiental grave: a caza indiscriminada de baleas. Unha historia chea de contrastes e magnificamente contada.
María González, á esquerda, xunto a Paula Castiñeira, na baleeira de Cee. (Foto: Nós Diario) #cee #baleeira #documental #audiovisual #paulacastiñeira #maríagonzález
photo_camera María González, á esquerda, xunto a Paula Castiñeira, na baleeira de Cee. (Foto: Nós Diario)

-Como se lles ocorreu investigar sobre a baleeira de Cee?

Nós somos dúas rapazas de Cee que coincidíramos na escola cando eramos máis novas, e volvemos coincidir durante o mestrado. Para unha das materias pedíronnos unha proposta en parellas para expor. A min ocorréuseme esta historia, porque a baleeira fora moi importante na nosa zona. A miña avoa e a miña tía avoa traballaron alí. O noso profesor Jorge Vázquez, especialista en documentais interactivos, díxonos que o tema tiña máis potencial que unha actividade de clase. Decidimos continuar xuntas e sacar un Traballo de Fin de Mestrado gravando o documental.

-A pandemia afectou ao mundo audiovisual. Atoparon atrancos á hora de gravar o documental?

En principio, nós tiñamos o plan de gravar antes, en xaneiro. Pola pandemia, até marzo non puidemos facer nada, polo que tivemos que centrarnos noutros aspectos. Comezamos a gravar en abril, á par que lanzábamos o proxecto nas redes. A pesar do cambio de plan, grazas a darlle primeiro difusión, conseguimos contactar con moitísima xente. Todo o mundo se prestou moito para axudarnos e nos agradeceu o feito de contar a historia. Moitas persoas nos falaron para darnos axuda de todo tipo. Tamén houbo xente que coñecía veciños que traballaran na baleeira e se ofreceron a pornos en contacto.

Acabamos facendo case quince entrevistas, das que dez son a antigas traballadoras.

 -Que foi o que máis lle sorprendeu da historia da baleeira?

Sabía que a historia daba para moito, pero non esperaba tanto como chegamos a coñecer. Que a primeira folga da Costa da Morte tivera lugar alí, ou que houbera atentados. Un grupo ecoloxista bastante radical puxo dúas bombas, unha en Corcubión e outra en Marín. Ademais, Caneliñas foi berce do feminismo na Galiza. As mulleres cobraban menos que os homes e traballaban máis horas. Loitaron por conseguir un salario máis igualitario e as mesmas condicións. Parece que son movementos que sempre son de fóra, e témolos aquí.

-Como calquera iniciativa social, conta cunha parte de aprendizaxe persoal. Que aprendeu?

Foi o primeiro documental que gravamos tanto a unha como a outra. Penso que dentro da nosa propia inexperiencia o resultado é bastante decente e incluso bo. Aprendemos que é moi importante coñecer o pasado para saber que facer no presente e onde ir no futuro. Actualmente é un lugar totalmente en ruínas e esquecido. Outro obxectivo do proxecto é que se poida reconstruír e mellorar a fábrica, dándolle unha segunda vida. Ademais, quixemos facer entender aos espectadores que, aínda que hoxe en día o tema da caza das baleas nin a defendemos nin debería seguir adiante, ao final é unha parte da historia da Costa da Morte. 

-Agora que xa estrearon o documental, que plans de futuro teñen para el?  

As persoas que participaron, e incluso os veciños da zona, pídennos que intentemos que o documental chegue o máis lonxe posíbel. A nosa idea é que chegue a toda a xente que se poida, que abra conciencias para o futuro, e despois, o que vaia xurdindo. Xa buscaremos alternativas para que isto poida seguir e mellorar.

-Que importancia teñen este tipo de iniciativas?

Calquera iniciativa que sirva para reivindicar e para dar a coñecer unha parte da historia do noso sempre é algo importante e que hai que apoiar. Caneliñas foi un sitio de morte, onde milleiros de baleas remataron os seus días. Pero tamén foi o sustento de moitas familias de Cee e dos arredores nun momento específico da historia. Facer un balance desas dúas realidades é o principal obxectivo de Caneliñas, a costa das baleas.

Comentarios