venres 28.02.2020
MARíA FEIJOO, XORNALISTA

“Galiza continúa a ser a terra prometida para quen emigrou a Zarautz”

A xornalista María Feijoo vén de presentar o libro Orballo: crónica da inmigración galega en Zarautz, un traballo que ten como fontes privilexiadas a memoria oral da emigración. O escritor e investigador Xosé Estévez presentou o traballo desta filla dun emigrante de Nogueira de Ramuín que está accesíbel na rede. 

María Feijóo
María Feijóo

-Filla de emigrante galego, como empeza a súa investigación sobre a emigración en Zarautz?

En Euskadi hai doce centros galegos e o de Zarautz organiza cada ano unha festa na que participan arredor de 15.000 persoas, todo isto nunha localidade que ten 25.000 habitantes. Celébrase desde hai 31 anos e veñen galegos de todas partes. Tiña vontade de recoller a historia dos galegos en Zarautz e levaba varios anos falando do tema. Vivín en Madrid 15 anos e, en total, 20 fóra da cidade a ao meu regreso propuxéronmo e púxenme a investigar. 

-Que documentación e fontes manexou?

O meu punto de partida era que aos galegos só se lles coñecía polas festas e había moito máis que mostrar. Examinei as crónicas xornalísticas de trinta anos, o padrón municipal, libros e un montón de documentos oficiais mais realmente o máis importante son as entrevistas. Falei con máis de trinta galegos e galegas que viñeron vivir a Zarautz ou aos seu arredores. Maiormente son emigrantes da época de entre os corenta e os setenta e case todos maiores de sesenta anos, algún mesmo sobrepasa os noventa. 

-Que poboación chegou a Zarautz desde Galiza?

O ano que máis censados houbo son 175 mais nunca houbo máis do un por cento, agora, sempre foron moi activos e fixéronse notar, en especial a través da Sociedade Carballeira que é a través da que se articulan as iniciativas cidadáns. Notábanse mesmo nas rúas e nos bares, onde ían en grupo e sentíase falar galego. Chegaron entre os corenta e setenta, aínda que a maior parte a partir do 55. A maioría asentáronse en Euskadi mais moitos fixeron casa en Galiza e van un par de meses ao ano aínda que a súa vida está en Zarautz onde naceron e medraron os seus fillos e netos. 

-A que se dedicaron profesionalmente?

Os que veñen entre o 40 e o55 son comerciantes principalmente, os que chegaron entre o 55 e o 65-70 traballan na construción, normalmente son oficiais, fontaneiros, albaneis, carpinteiros, encofradores... é unha emigración valorada por teren oficio e saber traballar. 

-Mantiveron a identidade galega?

Totalmente. Entre si falan galego e tamén case sempre cos fillos. Manteñen o idioma e tamén os costumes como, poño por caso, celebrar o magosto. A parte gastronómica continúa presente. Na Sociedade Carballeira, os xantares rematan con queimada e o polbo e os grelos seguen sendo pratos que se cociñan nas festas. 

-Podemos dicir que aos galegos e galegas que emigraron a Zarautz foilles ben?

Podemos, certamente non lles foi mal. Na presentación do libro dicía que era unha xeración cun enorme espírito de sacrificio, que tiñan a vontade de que os fillos viviramos mellor ca eles. Case todos mercaron as súas casas e integráronse na localidade. 

-Que porcentaxe retornaron a Galiza?

Moi poucos e os  que volveron fixérono por motivos persoais, por pais que se puxeron enfermos e precisaban deles ou casos similares. Normalmente é unha emigración que non regresou. A emigración a Euskadi é distinta da de América. No libro recollo a historia de Manuel Vilar, que é gaiteiro no grupo folclórico da sociedade. Manolo emigrou a Venezuela e dicíame que a emigración en Zarautz non tiña nada a ver coa de América. El non quería volver pisar o porto de Vigo, lembraba cando montara no buque Begoña e a saída do barco alonxándose como algo desgarrador. Nunca quixo volver a Vigo. Logo veu ao País Vasco e dicía que non tiña nada que ver porque podía volver a Galiza cando quixera. Os emigrantes lembran o tren correo, que paraba en todos os pobos. En Venta de Baños cambiaban e collían o de Madrid para ir para Galiza. Tardaban 24 horas pero non era a distancia do océano por medio. 

-Nas entrevistas, mostraban a morriña que sentían pola terra?

Teñen e tiveron. Galiza está sempre no horizonte. A súa meta é esa. Na Sociedade sempre escoito que cando se xubilen volven para Galiza mais logo como os fillos fixemos a nosa vida aquí e decidimos non marchar continúan vivindo en Euskadi. Seguen a falar de Galiza como a terra prometida. A morriña continúa e seguen desexando vivir na terra. De todas maneiras, maiormente os emigrantes nunca viñeron sós. Co meu pai viñeron dous irmáns e da comunidade da Carballeira, a maior parte son casos similares. Hai mesmo unha familia da que viñeron catro irmáns e a nai. A emigración a outros países foi moito máis dura. Entre os entrevistados está, por exemplo, Jorge, que marchou primeiro a Suíza coa súa muller e tiveron unha nena pero non podían levala así que decidiron vir a Zarautz e recoñecía que aquí todo fóra máis fácil. 

comentarios