Contracultura

María do Ceo: "Canto máis se cante contra a violencia de xénero, máis concienciaremos a xente"

María do Ceo, fadista, celebra os seus 25 anos de carreira musical co seu novo disco, 'Galicia nai'. A artista debulla a mensaxe detrás de cada un dos 12 poemas musicados que compoñen este traballo e defende o que denomina 'fado miñouto', "que está entre Portugal e Galiza".
A fadista leva máis de 50 anos vivindo na Galiza. (Foto: Ernesto Schreck)
photo_camera A fadista leva máis de 50 anos vivindo na Galiza. (Foto: Ernesto Schreck)

—Por que decidiu celebrar os seus 25 anos na música con estes 12 poemas?
Hai un ano díxenlle a Armando González [escritor] que quería dedicarlle este disco a Galiza, falando dela como muller, como país, como paisaxe, como lingua... Escribiu o tema de "Galicia nai" e despois eu comecei a estudar diferentes poemas que me gustaría que estivesen presentes. Finalmente, son 12 poemas, dos cales eu musiquei oito. 

Abre o disco "A fala", de Manuel María, que xa é toda unha declaración de intencións. Por outra parte, levo moitos anos querendo musicar Rosalía de Castro, polo que comecei a mirar poemas que non estivesen xa musicados ou que non fosen moi coñecidos, por iso no disco están "Para min non" e "Miña almiña". Con todo, tamén tiña moi claro que quería que "Adiós ríos, adiós fontes" fechase o traballo, posto que está cantado desde o meu sentimento como persoa que saíu da súa terra para chegar a outra que a acariñou e que agora considera como súa tamén. E o último poema que inclúo de Rosalía é "Sin niño", porque tamén quería que fose un disco moi fadista e neste caso puiden encaixalo dentro dun fado tradicional, o "Vianinha".

O prólogo do disco faino Xosé González e foi precisamente a través del como coñecín a poesía de Xosé Velo, de quen musiquei "Espranza" a modo de homenaxe, que finalmente se converteu nun tema máis deste traballo. Por outra parte, eu coñecía Xosé Neira Vilas desde hai anos e cando ía velo falabamos de facer algo en conxunto, polo que el acabou escribíndome unha ducia de poemas para musicar un ano antes de falecer. Non tivera oportunidade de publicalos antes porque me parecía demasiado oportunista facelo naquel momento e por iso neste disco inclúo "Tres ríos" e "Así era eu". 

Ricardo Carvalho Calero tamén é un poeta que me gusta desde hai moito tempo e "Teño unha dor", en concreto, transmíteme moita tenrura e melancolía, así que tiña que estar. E xa por último, alén de "Galicia nai", Armando González tamén escribiu A morada de bágoas, un poema moi cru que fala da situación de maltrato pola que pasan tantas mulleres. Este foi un sinxelo que sacamos o 25 de novembro, mais xa coa intención de que formase parte deste disco porque canto máis se cante contra a violencia de xénero, máis concienciaremos a xente. Son palabras que teñen que ser ditas porque é o que sucede, non podemos tapalo nin dulcificalo. E de Armando tamén é "Fado do Couto Mixto", un lugar ao que ambos estamos moi vencellados. 

—Como di é un traballo moi fadista, cunha escrita e unha fala galegas.
Claro, é esa relación lusogalaica. Eu comecei a cantar fado profesionalmente hai 25 anos, mais foi como portuguesa emigrada convivindo na Galiza. Cando os meus pais decidiron emigrar foi para facer unha vida aquí, é dicir, afincarnos e botar raíces, como despois acabou pasando. Eu tiña dez anos e xa podía lembrar ben o que deixabamos atrás, o que fixo que eu crease unha melancolía e unha tristura que fun salvando a través da música. Por iso adoptei un novo estilo, o do fado miñouto, que está entre Portugal e Galiza, porque a miña fonética xa non era portuguesa. É un estilo que gusta moito aquí e polo que tamén me recoñecen aló: as veces que fun a Lisboa a facer algún concerto me recoñecían como a señora galega que canta fado. 

—Haberá presentacións deste traballo que resume os seus 25 anos na música?
O 25 de marzo estarei en Sevilla presentándoo ás galegas e galegos que forman parte da comunidade alí, o 2 de abril estarei en Redondela na inauguración dunha praza e posteriormente tamén actuarei na Festa da Lamprea de Arbo. Nestes momentos aínda estamos fechando datas para o verán, polo que non podo confirmar máis, só que en xullo presentarei o disco en Caldas de Reis e que teño expectativas de levalo a moitos lugares dentro e fóra da Galiza.

Comentarios