Os María Casares miran cara á "periferia" do sector

A entrega dos galardóns celebrarase no Teatro Rosalía Castro da Coruña esta quinta feira e será emitida en directo a través da Canle de Youtube dos Premios a partir das 20.30 horas. Un total de 15 obras compiten en calidade de finalistas polos  María Casares
Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, da compañía A Panadaría, que aspira a nove galardóns. (Foto: A Panadería).
photo_camera Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, da compañía A Panadaría, que aspira a nove galardóns. (Foto: A Panadería).

Un espectáculo cheo de “bo humor, de ironía e de novo circo” no que o protagonismo “recaerá nos oficios invisibles do teatro e nos xéneros escénicos que se sitúan ás marxes” do teatro convencional. Así será a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, que se celebra esta quinta feira a partir das 20.30 horas no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

“Teremos unha gala con circo, con clown, con monicreques e con complicidade con outros xéneros, todo para entreter os entretedores, xa que por un día, durante os María Casares, a profesión teatral como colectivo se converte no máis importante deste oficio: no público. E farémolo desde ás marxes, desde a periferia da periferia do sector teatral” explicou Marcos Ptt, director da gala, onte, en rolda de prensa no Concello da Coruña xunto ao primeiro tenente de alcaldesa da Coruña, Juan Borrego; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a secretaria da Asociación de Actores e Actrices de Galiza(AAAG), Arantza Villar.

Durante a rolda, Marcos Ptt (Lugo, 1977) tamén se referiu ao elenco que subirá ao escenario do Rosalía Castro, conformado por Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o propio Ptt, quen ademais de dirixir e actuar, asina o guión xunto a Antón Coucheiro. “É un elenco interxeracional, na que nos mesturamos a primeira xeración do novo circo galego xunto con novos nomes desta disciplina” sinalou Ptt sobre un equipo artístico que se completa con Carlos Alonso no deseño de vestiario e escenografía, NachoFaiaLar (trío formado por Nacho Muñoz, Faia Díaz e L.A.R. Legido) na música en directo e Dani Pais na iluminación.

 

Ampliación de categorías

Ptt aproveitou a súa intervención para celebrar que este ano os Premios María Casares ampliasen as súas categorías ao pasar de 14 a 16 para incluír así o premio á dirección do movemento e o premio ao espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas. “Estes dous novos premios, que fan os María Casares máis globais, son o motivo sobre o que artellamos a gala que veremos”, concluíu o director do espectáculo. 

Sobre a ampliación de categorías tamén se manifestou Arantza Villar, secretaria da Asociación  de Actores e Actrices de Galiza (AAAG), asociación sindical que organiza os premios desde a súa posta en marcha en 1997. “Este ano mudamos as bases co obxectivo de ampliar horizontes, de modernizar o certame e adaptarnos ás novas correntes artísticas que definen hoxe por hoxe a nosa produción escénica”, sinalou Villar, quen tamén lembrou que os tradicionais apartados de escenografía e música orixinal deron paso aos de espazo escénico e espazo sonoro respectivamente.

 

Regreso ao Día Mundial do Teatro

A secretaria da AAAG celebrou que. tras tres anos, a gala dos Premios do Teatro se celebre de novo na semana do Día Mundial do Teatro. “Nas últimas edicións, por mor da pandemia, dos periódicos peches de espazos públicos e das diferentes restricións, “o calendario da tempada escénica mudou por completo, pero este ano todo está normalizado e podemos volver falar dos María Casares nun día coma hoxe, 27 de marzo, Día Mundial do Teatro”, reflexionou Villar para logo concluír lembrando que a gala “poderase seguir por streaming a través da canle dos Premios de Teatro María Casares”.

Comentarios