Contracultura

María Canosa: "Sempre me chamou a atención o que a sociedade intenta converter en uniforme"

María Canosa, enxeñeira e escritora, foi galardoada co Premio Carlos Mosteiro pola súa obra Teño un volcán dentro, protagonizada por un neno diagnosticado con trastorno do espectro autista. Canosa aborda as expectativas sociais así como a riqueza da diversidade, mais tamén a creación dun relato que, como ela di, “buscaba transmitir unha historia realista, que non se dulcificase en exceso”.
María Canosa é enxeñeira, escritora e actriz (Foto: Nós Diario).
photo_camera María Canosa é enxeñeira, escritora e actriz (Foto: Nós Diario).

Como foi saber que gañara o Premio Carlos Mosteiro?

Chamáronme cando eu comezaba a actuar nunha obra, polo que non atendín o teléfono en dúas horas. Foi moi especial porque estaba alí a miña familia, a da casa e a do teatro, polo que en canto me puxen en contacto co xurado e me comunicaron que fora a gañadora puidemos celebralo no momento. Penso que foi mellor así, igual se tivese collido o teléfono antes de comezar teríamos que ter agardado para que eu puidese actuar. 

Un premio sempre axuda a que sigas, porque o oficio da escrita non sempre é sinxelo e fai moita ilusión que se recoñeza que, cando menos, o que estou facendo está ben. Penso que é especialmente importante con esta obra, non só por tratar un tema delicado, senón tamén porque eu buscaba transmitir unha historia realista, que non se dulcificase en exceso.

Aínda que eu en parte escribo porque me gusta, por outra parte tamén penso que teño que facelo e síntome cunha certa responsabilidade de contarlle á rapazada historias que se teñen que contar, que mostran as arestas da realidade. Que o xurado destacara precisamente o realismo faime moita ilusión. Ás veces unha intenta transmitir algo, mais non sabe se a persoa que le a historia está entendendo xustamente iso. 
 
Como xurdiu a historia de Teño un volcán dentro?

Eu teño dúas nenas e cando es nai observas as crianzas dunha maneira moito máis minuciosa, tanto as túas como o comportamento que teñen as da súa contorna. Sempre me chamou a atención os comportamentos das persoas e o que a sociedade etiqueta e intenta converter en uniforme. É algo que sempre levei bastante mal, precisamente porque eu mesma tamén me sentín diferente en moitas ocasións en diferentes aspectos e etapas da miña vida. 

Intentando protexer as miñas rapazas e explicarlles desde moi novas que a diversidade sempre suma e que temos que aprender dela e entendela como algo positivo, esta era unha historia que tiña ganas de escribir. Ao final é a historia dun rapaz que ten unha diferenza con respecto a outras persoas e quería explorar como se sentiría el e como o farían sentir as persoas da súa contorna.

De feito, cando estou en grupos con moita diversidade, preocúpame moito máis como me comporto eu que como se comportan as persoas que teñen estas diversidades. O que ocorre é que ás veces tardas en informarte, en recoller textos e valoracións de persoas entendidas no tema, entón é algo que eu precisaba repousar para sentirme preparada para contar esta historia. 
 
Pode ser unha historia para apoiar as crianzas que pertencen ao espectro autista, mais tamén as crianzas que se relacionan con elas, non?

Claro. Moitas veces cando contamos as historias de persoas con problemas intentamos darlles un final feliz, cando a vida non sempre é así. Para min era importante que fose unha historia moi realista. Como unha persoa pode sentilo cos seus aspectos positivos, os seus atrancos, as súas fortalezas, as súas debilidades, e como todo isto inflúe na súa contorna, tanto a máis próxima como a máis afastada. 

O protagonista produce reaccións moi directas na súa familia, en ocasións provocadas por el e noutras derivadas de como cada membro entende a súa situación e como fan uso dela, non sempre de maneira positiva porque tamén era algo que tiña ganas de contar.

Estas non son as únicas reaccións, porque tamén vemos a situación no colexio ou entre as amizades da súa irmá, é dicir, como a contorna, aínda que sexa algo máis afastada, se ve condicionada por tratar cunha persoa que non entende o mundo seguindo o que nos impón a sociedade. Penso que pode axudar a ver a situación desde distintos puntos de vista. 

Comentarios