María Caíña: "Quería amosar esas violencias que impregnan a sociedade e que afectan as mulleres a diario"

Admiradora do xénero teatral como lectora e como espectadora, María Caíña nunca se animara a escribir unha obra de teatro até o momento. Baixo o título Como agullas finas cravadas no pescozo, a autora vén de recibir o primeiro premio da IV edición dos Premios Selic de creación literaria, convocado polo Concello de Compostela.
maria caíña

Como xurdiu o relato?

A obra xa apareceu na miña cabeza hai un ano. Era unha idea moi simple, fun construíndo o argumento e o último que decidín foi o espazo no que se desenvolvía. Dinlle moitas voltas, porque saían espazos alleos a min e non funcionaba. Nun momento veume á cabeza Compostela, concretamente onde vivín os últimos anos, na praza do Saxo Tenor, cabo do que era a casa de Roberto Vidal Bolaño. Decidín levala alí, porque dentro dela hai outra obra. Unha das personaxes é unha autora que está a escribir unha obra de teatro e vive alí, entón tamén foi un xeito de deixar a miña pegada. Ela está onde eu estiven moitas veces escribindo cousas, queixándose dos ruídos... Aí todo comezou a encaixar.

Cal é o fío argumental da historia?

Trátase dunha autora que está escribindo unha peza teatral e, paralelamente, a obra acontece ao mesmo tempo. Nalgúns momentos crúzanse as accións e nesa peza a escribir hai unha muller, coa súa nai e a súa parella. Xorden aí unha serie de episodios de violencia e todo ocorre mentres a autora pasa polo proceso de escrita do relato. 

Que tratamento da violencia se fai na obra?

Hai episodios de violencia machista, que teñen certa relevancia, pero tamén moitas máis violencias, non diría que ese é o tema principal. Está aí porque ese tipo de violencia na obra é moi importante e quería representala, mais tamén esas pequenas violencias que impregnan a sociedade e que nos afectan ás mulleres diariamente. Non teñen porque ser físicas, senón palabras, culpas que imos herdando... cuestións quizais máis invisíbeis que crean en nós moita frustración.

Ás veces, ese positivismo extremo co que nos bombardean tamén é unha forma de violencia. Quixen tratar como todo iso afecta ao individuo e a unha das protagonistas, e como crea unha forma de expresión. Non a violencia que padecemos, senón como nós nos expresamos co corpo enteiro por medio da violencia.

'Como agullas finas cravadas no pescozo' é a súa primeira peza teatral. Cando comezou a escribir?

O certo é que non o recordo. A escrita sempre formou parte da miña vida dun xeito máis directo ou indirecto. Era algo que facía para min mesma e nalgún momento comecei a presentarme a certames. Pensei en que igual a alguén tamén lle gustaría. Nunca pensara que podería escribir unha obra de teatro. A narrativa era algo que me atrae e estou no camiño de escribir algunha pequena novela, pero o teatro era algo que me aterraba. Gústame moito, porque como lectora e espectadora é o que máis desfruto, pero tiña un descoñecemento grande sobre como se escribe unha obra teatral. Foi xurdindo a idea e foi algo novo para min, como un exercicio de aprendizaxe.

Cre que se dan as ferramentas necesarias para que as novas xeracións poidan inserirse no mundo literario?

Non. Hai unha chea de premios literarios no sistema galego que nos  dan a oportunidade de comezar e de irnos metendo nel pouco a pouco. Pero, realmente, non hai unha continuidade. É unha utopía para a nosa xeración dicir “vou vivir da miña escrita ou do que eu creo”, de pintar, facer música... É moi complexo e, nese senso, penso que non existen oportunidades. É algo que afecta á nosa xeración, que temos un pouco o fracaso escrito na fronte.

Tampouco contamos cun sistema forte que nos apoie, porque non hai un interese. Se os gobernantes, no ámbito galego, están de costas á lingua e din que o importante é aprender inglés, como imos esperar que apoien o que se fai en galego? Os premios son unha grande oportunidade, pero deberían ser o comezo e logo existir unha liña de continuidade.

Comentarios