María Baqueiro: "Non é difícil pór en marcha un festival que sexa medioambientalmente sostíbel"

María Baqueiro, ademais de promotora do Pacto Cultura Sustentábel, asesora boa parte dos festivais galegos de música e cinema. Este 21 de maio coordinará unha xornada da Deputación da Coruña que, co título 'Impacto positivo: unha alianza festivais-administración', procurará achegar a responsábeis destes eventos a sensibilización polas  novas lexislacións, xurdidas a raíz da aprobación da Axenda 2030 pola ONU. 
A xornada 'Impacto positivo: unha alianza festivais-administración' está coordinada por María Baqueiro (Foto: Celia Arcos).
photo_camera A xornada 'Impacto positivo: unha alianza festivais-administración' está coordinada por María Baqueiro (Foto: Celia Arcos).

En que consiste o Pacto da Cultura Sustentábel?

En 2021, a raíz da inquedanza de diversos festivais neste ámbito, xurdiu a iniciativa. Daquela realizamos un pacto que procuraba actuar todos de forma coordinada. Levo varios anos traballando co Festival Sinsal neste tema e  outros eventos de música e cinema preguntaban sobre o noso traballo. A proposta é traballar coordinados. 

Como se deberían adaptar os festivais ás novas normativas xurdidas coa aprobación da Axenda 2030 pola ONU?

O que queremos a través do Pacto é facilitar que se leve a cabo. Hai moita normativa e moi diversa,  aínda que a Axenda 2030 non é de obrigado cumprimento e só procura marcar as liñas por onde hai que ir. Trátase dunha serie de compromisos a nivel ambiental, como son a redución de emisións de CO2. O Estado español acaba de publicar a nova Lei de residuos e solos contaminados vencellada tamén á economía circular.

A maiores debemos ter en conta moitos outros aspectos sociais a traballar en igualdade e en sensibilidade laboral. A intención da xornada do sábado é facilitar esta adaptación polo que daremos a coñecer todos os ámbitos que hai. Entendemos que é un campo moi amplo e moi diverso. É imposíbel para a persoa que dirixe un evento ou traballa na súa produción estar ao tanto de todo. 

Vimos dunha pandemia e estamos no Xacobeo. Agárdase que a xente volva en gran medida aos eventos musicais. Está o sector adaptado?

O sector cultural en xeral e o dos festivais en particular veñen de pasar unha situación moi complicada. Contar agora co apoio das Administracións e os fondos europeos ten que ser unha motivación. As exixencias deben partir das liñas de axudas. Desde 2019 é moi estraño atopar unha convocatoria que non inclúa unha condicionante que inste os eventos para que dispoñan dun plan de acción. 

É moi importante, tamén, que as empresas que financian estes festivais comecen a pór en evidencia estes aspectos. Ás veces pensamos que fará falta moito investimento mais non é así. Se paramos a pensar un pouco como facemos as cousas atopamos maneiras que mesmo fan máis económico e facilitan levar a cabo o noso evento. 

Asusta por ser complexo mais non debería ser difícil pór en marcha un festival e ser sostíbel ao tempo.

É a fin dos macrofestivais?

Eu gocei de moitos macroeventos mais entendo que deberían ir a menos ou ter un límite. Polo menos no número de persoas máximo nun mesmo espazo para que realmente as persoas asistentes poidan desfrutar e o evento non teña un impacto na contorna en que se realiza.

Canta máis xente xunta, máis residuos haberá e máis actuacións se terán que realizar. Ademais, nese tipo de festivais rematas con máis estrés por non poder ver todo o que queres ver e en realidade ves todo en pantallas a moitos metros dun escenario. Hai grandes festivais que son abandeirados en facer as cousas ben mais creo que deberían ir a menos.

Coinciden as distintas Administracións nesta perspectiva?

É un tema complexo que abrangue moitos ámbitos que van do ambiental até a igualdade. Desde o Pacto contactamos coa Consellaría de Medio Ambiente que é a encargada de xestionar a Axenda 2030 na Galiza, tamén coas Deputacións. En todo caso, podemos dirixirnos a Cultura mais non ten porque saber de medio ambiente ou de igualdade. É difícil atopar interlocutores. Queremos fomentar ese diálogo entre as Administracións e entidades. Nos concellos o persoal técnico quere traballar neste ámbito mais faltan recursos.

Comentarios