María Alonso Seisdedos, gañadora do Premio Plácido Castro de Tradución

A filóloga obtivo o galardón por unha adaptación ao galego dunha obra en catalán.
A tradutora María Alonso Seisdedos. (Foto: María Alonso Seisdedos)
photo_camera A tradutora María Alonso Seisdedos. (Foto: María Alonso Seisdedos)

A filóloga e tradutora de orixe viguesa María Alonso Seisdedos vén de gañar a vixésima edición do Premio Plácido Castro pola tradución, do catalán ao galego, da obra Canto jo i la muntanya balla, de Irene Solá.

O xurado deste certame reuniuse na sexta feira para avaliar as pezas literarias que se presentaran e escoller cal debía levar o recoñecemento.

O tribunal, integrado por Olga López López, da Xunta da Galiza; Beatriz Fariñas, da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación; Ramón Caride Ogando, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Alberte Álvarez Lugrís, do Departamento de Tradución da Universidade de Vigo; Xavier Senín Fernández, da Real Academia Galega; e Xulio Ríos, Presidente de Honra do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, acordou outorgar o premio Plácido Castro 2021 a Alonso Seisdedos.

Para argumentar a súa escolla, o xurado salientou o valor da novela, “de aparencia sinxela pero de construción complexa, con pluralidade de voces narrativas, que sinala unha perfecta adaptación dos rexistros da lingua de orixe, reflectindo a súa oralidade con altas doses de precisión”. Así mesmo, destacou que “logra manter o ritmo da narración respectando a atípica puntuación do orixinal”. 

Con 44 traducións literarias desde 1980 até a actualidade, María Alonso Seisdedos traduciu e traduce do inglés, alemán, castelán e catalán. Obtivo o Premio Nacional á mellor tradución de 2014 e tamén o Premio Xela Arias. 

Premio Plácido Castro de Tradución

O Premio Plácido Castro de Tradución está consagrado como un referente no sistema literario galego. Na edición de 2020 resultou gañador Laureano Araujo. Na nómina de premiados en edicións anteriores tamén figuran Lois Tobío, Xela Arias, Anxela Gracián, María Reimóndez, Camiño Noia, Mona Imai, Isabel Soto e Antía Veres, entre outros. 

A cerimonia de entrega do premio terá lugar o próximo 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, no concello de Vilagarcía de Arousa. Ademais dunha dotación económica, a tradutora viguesa recibirá un diploma e unha peza escultórica, denominada ‘Babelio’, deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves.

Comentarios