Margarita Ledo estrea “A cicatriz branca” en Cineuropa

A cineasta Margarita Ledo Andión viaxa á emigración galega para recoller a memoria das mulleres que chegaron a Arxentina por volta dos anos vinte e trinta. Así nace A cicatriz branca, o film en que Margarita Ledo a través das súas personaxes busca recoller a historia de todas as emigrantes.O film estréase en Cineuropa.
Eva Veiga en "A cicatriz branca"
photo_camera Eva Veiga en "A cicatriz branca"

Despois de Santa Liberdade e Liste, pronunciado Líster  Margarita Ledo volve de novo á memoria para presentar a súa terceira longametraxe, A cicatriz branca que estrea esta cuarta en Cineuropa, o festival que se está a celebrar en Santiago de Compostela. Protagonizada pola poeta Eva Veiga e con Xabier Deive, Lino Braxe, Tamar Novas, Margarita Fernández ou Mónica Camaño no equipo artístico, a película está guionizada pola propia Margarita Ledo. Abe Rábade é o autor da banda sonora. 

Alén da proxección do film, Cineuropa acollerá o próximo día 26 a estrea do documental Apuntamentos para un filme, unha sorte de producción elaborada con testemuños reais dos cales naceron as protagonistas de “A cicatriz branca”. Despois da proxección, que terá lugar o día 26 ás 18.30, Margarita Ledo participará xunto con María Ruído -autora de ElectroClass- e Sandra Sánchez -de Tralas luces- na mesa redonda da sesión “Creadoras Galegas de Imaxe II”, coordinada por Encarna Otero Cepeda.

Comentarios