Do Brasil á Galiza

Margareth Menezes: a cultura como instrumento de democratización

En contraste coa violencia do bolsonarismo, o Goberno de Lula escolleu para dirixir o Ministerio de Cultura -que Bolsonaro extinguira- a Margareth Menezes, unha artista que defende a cultura como instrumento de transformación social e que cantou á Galiza e ao patrimonio lingüístico da lusofonía. 
Menezes (no centro) con Socorro Lira e Uxía, en 2010.
photo_camera Menezes (no centro) con Socorro Lira e Uxía, en 2010. (Foto: Europa Press)

"Temos no Brasil inúmeras carências de acessos a bens e serviços. Mas, em termos de cultura, somos ricos. Hoje, temos um enorme desafio de retomar o Ministério da Cultura. Há quase 40 anos o Ministerio de Cultura foi fundado pelo reconhecimento da importância para o seu setor. Quem extinguiu o Ministério o fez porque sabe que cultura incomoda, desobedece e floresce. E também é uma forma de democracia. Quanto mais tenta frear a arte, mais ela vai crescer”.

As palabras de Margareth Menezes o pasado día 2 de xaneiro, na súa toma de posesión como ministra de Cultura -unha carteira renacida co novo Gabinete de Lula, despois de que o Goberno de Bolsonaro a extinguise-, resoan hoxe máis que nunca despois do ataque á democracia do terrorismo bolsonarista. 

Ao longo de trinta e cinco anos de carreira, Margareth Menezes gravou dezasete discos e realizou vinte e tres xiras internacionais. A cantora, que comezou a súa carreira profesional como actriz no no Teatro Vila Velha, de Salvador, sempre foi unha activa defensora da cultura como ferramenta de integración e de desenvolvemento dos pobos. 

En 2004, a Maga, como é coñecida no Brasil,  fundou, por exemplo, a Associação Fábrica Cultural, unha organización social sen ánimo de lucro que desenvolve proxectos relacionados coa Cultura, a Educación e a Sustentabilidade. E o movemento Afropop Brasileiro, iniciado por ela en 2005, vai máis alá do musical para expandir a súa acción a outras manifestacións artísticas, a apoiar accións contra a exclusión social, o traballo infantil ou a explotación sexual de menores, e a impulsar debates que abordan temas sociais e políticos desde a cultura. 

Menezes na Galiza

Menezes, ademais, ten unha especial relación coa Galiza, iniciada a través da asociación Ponte... nas Ondas! O presidente da asociación, Santi Veloso, lembra, en conversa con Nós Diario, que unha das primeiras colaboracións co Brasil veu da man de Chico César "que tamén ten un concepto semellante da cultura. César veu para actuar en Cantos da Maré e explicounos o seu proxecto con nenos e nenas de poucos recursos en Paraiba. É un proxecto que, igual que o de Menezes, considera a cultura como unha ferramenta de transformación social. Son proxectos moi semellantes". 

A partir daquel primeiro contacto, a asociación comezou a contar con outros artistas do Brasil como Lenine ou Daniela Mercury e, en 2009, logrou que Menezes compuxese e interpretase a canción 'Portugaliza' no XV aniversario da entidade, celebrado baixo o lema O patrimonio dos tesouros humanos vivos. 

"Há um barco que vai, um abraço que vem/ Navega no mar, Ponte...nas Ondas!/ Nos mares do Sul/ Distantes Navios da Bahia encantada/ A navegar.../ De onde vem essa saudade que quer se eternizar?/ Pode ser nossa amizade que quer recomeçar/ Deixar falar minha lingua, sentido português,/ Deixa eu lembrar da terra, eterna Galiza/ Portu Galiza/", dicía a letra da canción.

Nesa canción interpretou moi ben o espírito de Ponte... nas Ondas! Soubo entender perfectamente esa idea de reivindicar o galego-portugués como un patrimonio común", explica Veloso, "e creou unha metáfora moi fermosa, con ese barco que vai e vén, do noso desexo de chegar a todos os territorios da lusofonía". 

Ao ano seguinte, a asociación estaba desenvolvendo o proxecto Cores do Atlántico, da artista brasileira Socorro Lira e da profesora Ria Lemaire, que xiraba arredor das cantigas de amigo medievais interpretadas desde diferentes culturas. 

O proxecto foi presentado no marco do congreso internacional Pontes de cultura, pontes de futuro decorrido en Vigo e Melgaço do 23 ao 25 de abril de 2010, e incluíu a gravación dun disco con artistas de diversos lugares da lusofonía e a edición dun libro. No disco participou a actual ministra de Cultura interpretando a cantiga atribuída ao trobador Airas Nunes, “Bailemos nós já todas, ai amigas”. 

"Para presentar o disco organizamos varios concertos, e convidamos Margareth Menezes para participar no primeiro, na Illa de San Simón", relata Veloso. "Estivo aquí compartindo os ensaios con Socorro Lira, Uxía Senlle, Teresa Paiva, João Afonso... e puido coñecer de primeira man o proxecto que definiu como moi importante para o coñecemento da lingua e da cultura". 

Naquel concerto, Menezes interpretou outras cantigas, entre elas a de Martin Códax "Ondas do mar de Vigo". Posteriormente, a Universidade de Paraíba publicou o libro-disco para o Brasil "para que o público brasileiro puidese coñecer esa parte do patrimonio cultural que compartimos co resto da lusofonía".  

Reconstruír a cultura dun país

Menezes ten por diante a tarefa de reconstruír a política cultural do país despois de catro anos do Goberno de Jair Bolsonaro: baixo o seu mandato o Ministerio de Cultura pasou a ser unha secretaría adscrita á Consellaría de Turismo.

O orzamento da política cultural brasileira durante esta lexislatura reduciuse a niveis mínimos, as institucións de promoción das artes e de protección do patrimonio histórico foron danadas até case facelas desaparecer e os ataques aos artistas por parte do Goberno foron constantes. Ademais, a principal ferramenta de promoción cultural -a Lei Federal de Incentivo á Cultura, coñecida como lei Rouanet- foi modificada para facela inaplicábel.

Esa foi unha das razóns polas que o mundo da cultura recibiu con alborozo a vitoria de Lula. A experiencia como xestora de Menezes, ademais, convida ao optimismo.

Comentarios