Marga do Val: “Cousas' significa un paso adiante na narrativa galega, nese proceso de renovación que iniciaron os autores de Nós”

Marga do Val é escritora, crítica literaria e profesora de Lingua e literatura. Preparou para Nós Diario o fascículo seis do coleccionábel Aí vén o maio!. Falamos con ela sobre o libro Cousas.

 

Marga do Val1
photo_camera Marga do Val (Imaxe: XEA)

Cousas nace moi ligada á prensa ...

As narracións breves e as súas correspondentes ilustracións, unha non vai sen a outra, que configuran o libro de Cousas, chegaron ao público a través da prensa, foron publicadas en xornais como A Nosa Terra, Galicia ou El Pueblo Gallego e en revistas como Nós e Céltiga. A prensa tiña e ten un labor fundamental en achegar arte, neste caso literatura e ilustración ao público en xeral, que a arte entre nas casas, nos lugares de reunión e que sexa materia de conversa.  Contribúe a prensa a normalizar unha lingua e a visibilizar a literatura.

Marga do Val

... e agora fai parte dun coleccionábel sobre libros galegos do único xornal en galego que existe na Galiza...

Considero unha feliz idea que Nós Diario, dalgunha maneira, recolla ese testemuño.

Que é, que son, as Cousas?f

É un libro singular na literatura galega, excepcional. O seu propio autor compila eses textos que foi publicando na prensa, cos que crea un xénero literario propio dentro da narrativa, que se caracteriza pola simbiose entre a narracióm e a ilustración, pola brevidade e pola linguaxe clara, que foxe da artificialidade formal. O ilustrador e o escritor que conviven en Castelao, traballan xuntos: pinta con palabras o que a imaxe conta. Son breves relatos e todos, todos emocionantes.

Que supón Cousas no sistema literario galego?

Cousas significa un  paso adiante na narrativa galega, nese proceso de renovación que iniciaron os autores de Nós. Cousas é un pano que nos mostra a sociedade galega de inicios do século XX, ese mundo de cambios sociais coa desaparición da fidalguía e onde as clases populares son fundamentalmente as protagonistas. Esa voz, pensamento, esa forma de entender o mundo e actuar das personaxes é a cerna da obra. Cousas mostra a dignidade do pobo galego, neste sentido, como en Cantares gallegos de Rosalía de Castro, é a voz dese pobo a cerna da obra.

Como convencería alguén para ler, ou reler, as Cousas?

Sen dúbida a beleza das historias, a emoción que se transmite en cada "Cousa", desde o lirismo da nena á que chaman a Marquesiña, desde a memoria do pobo que vai gardando a Siña Sinforosa até os anceios e as arelas de ser nais de dona Micaela ou de dona Florinda. Sen dúbida a actualidade da mensaxe que podemos atopar na "cousa" que fala do pai de Migueliño, hai moitos Migueliños e moitos pais coma ese nestes tempos; tamén hai moitos Panchitos que chegan a este país e constrúen aquí a súa identidade, a de ser galegos... Cousas tan actuais que nos lembran que na paisaxe sempre hai algo máis. Cousas é un libro co que está ben crecer, como con Cantares Gallegos ou Follas novas, unha obra en que cada lectura é unha nova lectura, unha nova descuberta. Unha obra que, insisto, emociona. Escrita tamén para que as persoas aprendan a emocionarse.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios