Marful remata a Xira Surreal en Allariz e Monterroso

A Xira Surreal de Marful chega ao seu fin o próximo 1 de xullo na feira de Monterroso. O día 30 de xuño Allariz acollerá este espectáculo no que o pracer da música xúntase ao dos produtos da terra.

En Allariz, o 30 de xuño,a Xira Surreal fará unha das súas últimas paradas ás 21 horas, coa música de Marfull máis os produtos da comarca que veñen da man da Fábrica de Vilanova, Fina Rei, A Micalla máis o centro de educación ambiental de O Rexo. Colaboran na organización, a libraría Aira das Letras -que ten á venda as entradas- xunto coa Fundación Vicente Risco, Rosa Castelá e o Centro Veterinario da Costa. O aforo é limitado. 

Desde as 16 horas na na carballeira da Granxa Maruxa terá lugar o último concerto de peche da Xira Surreal de Marful, nun espectáculo que se presenta “rodeado de vacas” como corresponde á tradicional Feira de Monterroso.

A música soará de 17:30 a 19 pero a xornada será longa porque compre buscar tempo para visitar a escultura de Jorge López e a exposición do Almanaque Agrícola de Pablo Giráldez, “O Pastor”.

Como en toda a Xira Surreal, despois do concerto haberá merenda que, neste caso, estará composta de queixos, pan, galletas... e o que preste para unha xornada de feira. O prezo da entrada será de 15 € e pódese mercar, entre outros lugares, na propia web da central folque. As entradas pódense reservar aquí aínda que o aforo é ilimitado. 



Comentarios