A planta baixa abrirá ao público o 26 de marzo

O Marco de Vigo presenta a súa programación para 2021

O MARCO de Vigo presenta a súa programación para 2021 e fai un balance positivo dun ano tan atípico como 2020.
maraton
photo_camera O maratón fotográfico 'Concello de Vigo' prevese para o outono. (Foto: Nós Diario)

O Museo Marco de Vigo vén de presentar a súa programación para 2021, na que se contará coa reapertura das salas de exposición da planta baixa do edificio, mentres a situación sanitaria permita que o público ocupe ese espazo.

A proposta, que se situará, entre o 26 de marzo e o 29 de agosto, na superficie principal do Marco, leva por nome 4 Proxectos e reúne as artistas galegas Mónica Alonso, Mar Vicente, Salvador e Juan Cidrás e Rosendo Cid. Tamén exporán Quintana Martelo e Alfredo Alcain e decorrerá unha nova edición do maratón fotográfico Concello de Vigo.

A maxia do colibrí. 6 casos desesperados, da artista da Fonsagrada Mónica Alonso, constituirá a súa primeira exposición individual no Marco. Sombras e cor será o proxecto da lucense Mar Vicente, onde experimenta co desenvolvemento do cadro á terceira dimensión.

Formas compartidas presenta o colectivo artístico integrado por Salvador Cidrás e Juan Cidrás, onde se experimentan a cerámica e o téxtil a través da pintura e da escultura. O cuarto proxecto vai ser Todo aquilo que acontece antes de que aconteza, que para Rosendo Cid nace “desviándome do descritivo para afondar no feito mesmo do acto creativo”.

A mediados de abril, “reforzando o interese e o compromiso pola produción propia”, o museo acollerá a mostra de Din Matamoro, que vai centrar a programación da primeira planta. Unha exposición que coincidirá coa de Glenda León, feita en colaboración co Museo Estremeño e Iberoamericano de Arte Contemporánea (Meiac) de Badaxoz.

Boa valoración de 2020

A dirección do Marco fai un balance positivo de 2020 pese a que se tratara dun tempo “especialmente complexo”. Afirma que o museo “conseguiu manter a actividade nunhas condicións sanitarias seguras”, ademais de desenvolver tarefas de acondicionamento acorde a criterios de eficiencia enerxética.

O Marco comunicou tamén os seus avances na colaboración con outras institucións, como a Universidade de Vigo, a Fundação Carmona e Costa, o Instituto Camões, AC/E (Acción Cultural Española), a Fundación Abanca e, especialmente, o Meiac de Badaxoz, para a coprodución das mostras de Celeste Garrido e Glenda León.

Comentarios