O Marco inaugura dúas rutas interactivas

O sistema inclúe as exposicións de Manuel Vilariño e Celeste Garrido
Rutas interactivas no Marco.
photo_camera Rutas interactivas no Marco.

A partir deste mes de decembro, Vigo conta cun sistema de rutas exteriores sobre o patrimonio cultural, ambiental e histórico, e percorridos interactivos na rede de museos municipais. O proxecto, deseñado polo equipo de I+D do Concello, conta co cofinanciamento de fondos europeos.

Accesíbel a través da App 'Vigo', o obxectivo é pór en valor o patrimonio creando unha base de datos de elementos chave da cidade —sexa polo seu interese turístico, histórico, ambiental, cultural ou artístico— e potenciar o turismo e as actividades de ocio cultural ou ambiental, así como deseñar novos recursos divulgativos e educativos.

Sobre estes puntos de interese créanse percorridos e rutas interactivas tanto en exteriores —mediante localización por GPS— como en interiores. Neste caso utilízanse beacons ou balizas bluetooth que detectan a proximidade do visitante a cada lugar.

Así, "os museos de Vigo serán dos primeiros da Galiza en posuír esta tecnoloxía de interacción entre museo e visitante", destacan desde o Concello. O sistema emprégase en grandes museos de todo o mundo, como o de Brooklyn, o Guggenheim ou o Louvre.

Nesta primeira fase están dispoñíbeis seis rutas: dúas interiores, con percorridos polas exposicións actuais do Museo de Arte Contemporánea (Marco), e catro exteriores (Monte do Castro, Muralla de Vigo, Xardín do pazo Quiñones de León, "Vigo en 60 minutos").

Percorridos polas exposicións

No caso do Marco, o novo sistema permite acceder a todo tipo de contidos sobre as exposicións temporais e outras actividades, sexa nos propios espazos ou desde calquera outro lugar seguindo a ruta desde a pantalla do móbil, unha vez descargada a aplicación.

Actualmente, están activos os itinerarios sobre as mostras de Manuel Vilariño e Celeste Garrido. A modo de visitas guiadas específicas, e a través de vídeos de artistas e comisarios, imaxes, textos e outra información de interese, permiten ao público percorrer individualmente os espazos e afondar nos seus contidos.

Proximamente incluirase unha ruta sobre a historia do edificio e outros percorridos interactivos de carácter educativo, con xogos de gamificación e preguntas sobre os elementos visitados.

 

Comentarios