O Marco exhibirá obras de Laxeiro, Andrea Costas e Lleó até xullo

A escultura de Leiro seguirá exposta até febreiro.
Mostra do traballo de Andrea Costas que se exporá no Marco.
photo_camera Mostra do traballo de Andrea Costas que se exporá no Marco.

Logo da última reunión do Padroado da Fundación Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo en 2022 e da decisión de prolongar a mostra de Francisco Leiro até o 26 de febreiro, o museo avanzou a programación das exposicións previstas para o primeiro semestre de 2023, no que se retoman as actividades, cursos e outros proxectos paralizados pola paréntese natalicia.

Neste período destaca a proposta de Andrea Costas Lago, que convivirá nos espazos da primeira planta coa gran mostra titulada Laxeiro e a arte da súa época, coa que o Marco fechará o ano Laxeiro: unha visión nova que pon o acento no diálogo das súas obras coa doutros artistas coetáneos.

A artista e docente viguesa Andrea Costas exporá a partir do 27 de xaneiro a súa obra Desapego, resultado dun proceso de investigación e traballo de dez anos. O proxecto de Costas está integrado por pezas nas que a artista reflexiona sobre a experiencia da maternidade propia.

En Laxeiro e a arte da súa época, que se inaugura o 23 de febreiro, o Marco trata de mostrar unha selección das obras máis destacadas de José Otero Abeledo 'Laxeiro' situándoas no contexto da arte da súa época, xunto a pezas doutros artistas que Laxeiro miraba con atención (Carlos Maside, Asorei, Maruxa Mallo, Luís Seoane).

Cine francés e arte catalá

A retrospectiva da cineasta francesa Jannick Bellon, coa proxección da súa filmografía completa entre o 3 de marzo e o 3 de setembro, e a individual do pintor catalán Lluís Lleó –que tomará o relevo de Francisco Leiro nas salas da planta baixa– completan este primeiro semestre de programación no Marco.

A exposición de Lleó será a primeira nun museo do Estado logo do seu regreso de Nova York, onde residiu durante varias décadas. O Marco mostrará entre os meses de marzo e setembro de 2023 a obra que Lleó elaborou nos últimos anos, xunto cunha selección de traballos anteriores.

Comentarios