Marchas paganas en honor a Vidal Bolaño e Lugrís en Compostela e A Coruña

O sábado dúas marchas paganas homenaxearán a Vidal Bolaño en Compostela e a Lugrís na Coruña. 
Rúas e tabernas de Santiago recibirán un ano máis a procesión de Santa Bolaña mentres na Coruña, unha manifestación surrealista e atlántica lembrará o poeta do mar. 

.
photo_camera .

O “ritual de viño, festa e teatro no solsticio de inverno”, homenaxea a Roberto Vidal Bolaño no remate do ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Coordinada por Carlos Santiago a Procesión de Santa Bolaña percorrerá rúas e tabernas de Santiago este sábado día 21 con “cantos e ladaíñas profanas facendo parada e vía crucis dramático” en distintas tabernas do casco vello da capital. 

Será a segunda vez que a Santa Bolaña visite tascas e rúas, desta volta, cos textos de autoras e autores como Clara Gayo, Paula Carballeira, Santiago Cortegoso ou Pepe Sendón ademais da recreación dun fragmento da peza de Vidal Bolaño “Caprice des Dieux”. 

Comba Campoy, Marta Pérez, Santiago Cortegoso e Zé Paredes oficiarán de “confrades maiores” das representacións nunha xornada que dará comezo ás 12.30 horas na Libraría Couceiro coa charla “Ulo teatro Popular?”, un debate aberto e moderado polo dramaturgo Carlos Santiago. Desde a Asociación de Veciños “As Brañas de Andrés”, nos Pelamios, moi preto da casa na que naceu Vidal Bolaño comezará a procesión coa lectura do bando da confraría e as honras musicais de Leo Arrecaghona. A traxectoria continuará pola Costa Vella para visitar o  Café Bar Trece, o Xa Chegou, o Bar As Dúas, o Grándola e o Pozo, co fin nun concerto e foliada no Pub Avante. A procesión está promovida pola Candidatura do Povo e outros colectivos sociais e veciñais da cidade. 

Surreal e atlántica para recibir un novo mural

In Nave Civitas, a Asociación Cultural O Mural, o Museo de Belas Artes e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega son as promotoras do IV Día de Lugrís, unha celebración que coordina Xurxo Souto na Coruña. 

Nesta ocasión, a festa “surrealista e atlántica” ten un motivo engadido de conmemoración xa que a cidade se reencontra cun mural que o pintor do mar realizara na parede da casa dun familiar en Madrid e que chega agora cedido ao Museo de Belas Artes. “Visión da Coruña, 1830” é o título da obra que ten á cidade como protagonista e que será recibida na propia conmemoración. 

No propio adro do Museo de Belas Artes comezará a xornada ás seis da tarde coa realización dun obradoiro de paraugas pintados para, a seguir, partillar na benvida ao mural coa oda “A Arribada” á que lle dará voz o poeta berciano Rodrigo Osorio. Xa coa noite como compañeira, a partir das oito, as persoas participantes partirán en manifestación “atlántica e surreal” cos paraugas decorados abertos para visitar lugares da vida do artista, murais da súa autoría ademais do graffiti de Outón na rúa Mantelería. A xornada, aberta a cidadanía, rematará ás 9 da noite na praza Sellier co recital poético “A habitación do vello mariñeiro2, na memoria de Urbano Lugrís e co surrealismo como telón de fondo. 

Comentarios