sábado 16/10/21

En marcha a V edición do "Quero cantar"

A Deputación da Coruña presenta unha nova edición do concurso "Quero cantar", limitado pola Covid-19 e coa incorporación de titorías musicais.
querocantar
Tono Formoso, Paco Cerdeira, Belém Tajes, Xurxo Couto e Xosé Lois Romero. (Foto: Nós Diario)

A Deputación da Coruña presentou esta quinta feira a V edición do certame “Quero Cantar”. Un concurso que este ano, por mor da situación sanitaria, non contará coa tradicional gala no Teatro Colón da Coruña nin coa participación de alumnado de infantil.

Na presentación, da que formaron parte os músicos Xosé Lois Romero, Paco Cerdeira e Belém Tajes, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e mais o coordinador do certame, Tono Formoso, este último lamentou a ausencia da xente máis cativa mais amosouse confiado en que a participación si poida recorrer na vindeira edición.

Segundo Formoso, logo de ponderar a inclusión da categoría infantil, a organización considerouna “arriscada” polo gran contacto físico que se daría entre as crianzas participantes. Por esta mesma razón é pola que non decorrerá a gala do Teatro Colón.

Así as cousas, esta V edición do “Quero cantar” contará unicamente coa categoría xuvenil, “menos arriscada” por seren “solistas a metade das participantes”, explicou Tono Formoso na presentación. 

Ao “Quero cantar” poden presentarse solistas e grupos musicais de até 12 membros, que teñan entre os 13 e os 16 anos.  A maqueta con cada traballo pódese enviar até o 30 de setembro.

Unha das principais novidades da categoría, e mais da edición 2021 do concurso, será o programa formativo ao que optarán as gañadoras e que estará a cargo de artistas galegas.

Durante esta primavera desenvolverase o apartado en liña do concurso, que terá como fase final unha residencia dunha fin de semana no Pazo de Mariñán, en Bergondo, onde as participantes gravarán unha canción e un videoclip coas súas titoras: Sés, Ugia Pedreira, Xosé Lois Romero, Paco Cerdeira e Belém Tajes.

comentarios