Libros convertidos en esculturas, poemas que se cruzan coa música e as imaxes... “marcapáxinas” é o título dun poema visual que, en formato dixital, o artista Caxigueiro difunde como obsequio para conmemorar o Día das Letras Galegas.
As imaxes, da autoría do artista, mostran libros atravesados de osos, espiñas, ramallos ou silveiras, á maneira de multitude de marcapáxinas maiormente naturais que transforman o libro nunha peza escultórica. “entre paréntese/agroman regos de intención:/ palabras de auga/soños de camelia/ cóxegas/debaixo da lingua”, comeza o texto poético, que descubre unha faceta ben menos coñecida do artista da Mariña. Ao longo dos tres minutos de texto, imaxes e música, Caxigueiro descompón a “corrupción” e mostra tamén a preocupación polo futuro de Galiza. “a estas horas estou coma o país / perdido entre a brétema”.
“marcapáxinas” está montado por Nachok e o autor inseriu a música de Erik Satie, compositor que naceu, como fai constar, un 17 de maio.