Cultura

As máquinas dunha tala de piñeiros destrúen o dolmen de Monte da Cruz

O colectivo Patrimonio dos Ancares denuncia a destrución do dolmen de Monte da Cruz (Baleira), arrasado por maquinaria pesada durante unha tala de piñeiros, ocasionando unha perda patrimonial irrecuperábel.
Restos da mámoa de Monte da Cruz, á beira da estrada LU-0708.
photo_camera Restos da mámoa de Monte da Cruz, á beira da estrada LU-0708.

As persoas integrantes do colectivo Patrimonio dos Ancares advertiron o domingo de mañá, cando saían na procura duns petróglifos dos que tiñan coñecemento, o que cualifican como o "peor atentado que temos visto nesta zona contra o patrimonio". Trátase da destrución total da única mámoa con dolmen que se conserva no Concello de Baleira (Comarca da Fonsagrada), arrasada pola acción de maquinaria pesada durante unha tala de piñeiros. Aínda que non se ten coñecemento da responsábel, sospeitan que podería ser resultado das empresas contratadas por Medio Ambiente para limpar as beiras das estradas.

Aínda que non se ten coñecemento da responsábel, sospeitan que podería ser resultado das empresas contratadas por Medio Ambiente para limpar as beiras das estradas

"A maquinaria pesada destrozou totalmente o túmulo e as pedras da cámara megalítica foron desprazadas e esnaquizadas", describen. Do outro lado da estrada, outra mámoa foi tamén "lacerada con profundos sucos".

A necrópole do Monte da Cruz, no Alto do Restelo, a 965 metros de altitude, sitúase ao carón da estrada LU-0708, que pasa polos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna. De facto, destaca Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares, que xa en marzo do ano pasado dirixiran un escrito ás catro corporacións para que sinalizasen e protexesen as 40 mámoas que se atopan no treito da vía. Algo que, de terse feito, podería na súa opinión evitar este desastre, polo carácter "disuasorio" dunha medida que só executou a executiva de Becerreá. 

Un delito con sancións de até un millón de euros

Patrimonio dos Ancares xa presentou denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio, solicitando para as persoas responsábeis unha sanción que de acordo coa lei podería alcanzar entre 150.000 e 1.000.000 de euros. Ademais, instan as administracións a levar este "atentado contra un ben patrimonial protexido" ante o xulgado correspondente.

Perda xeneralizada de patrimonio

A mámoa de Monte da Cruz consistía nunha elevación de máis de 35 metros de diámetro, acollendo o dolmen no seu interior, nunha cámara de pedra poligonal formada por sete esteos e un pequeno corredor de entrada. Pertencente ao período Neolítico, con máis de 6.000 anos de antigüidade, foi catalogada en 1991 pola Xunta da Galiza, converténdose no primeiro e único enterramento con dolmen do concello, estando os restantes 20 complexos documentados formados por terra.

Moure sinala que teñen constancia de 10 casos semellantes como mínimo na beira da estrada, aínda que de menor gravidade

O incidente da destrución non é algo illado. Moure sinala que teñen constancia de 10 casos semellantes como mínimo na beira da estrada, aínda que de menor gravidade. Así, a finais de 2016 denunciaban a construción dun silo para plásticos agrícolas enriba da mámoa da necrópole de Peredelo (Fonsagrada), sobre a que, como comprobaron arqueólogos de Patrimonio, se depositaban ademais distintos tipos de residuos (colchóns, rodas de tractor...). A día de hoxe continúa neste estado. 
 

Comentarios