Valtònyc, rapeiro

“A máquina represiva estatal está ben engraxada e persegue a resistencia intelectual”

Após ser condenado a tres anos e medio de prisión, o rapeiro Valtònyc recibe numerosas mostras de solidariedade. Fai parte do cartaz do Festigal 2018. En declaracións a Sermos, advirte: "“Cando acaben cos músicos, irán polos tuiteiros, cando rematen con eles irán polos xornalistas…".

valtonyc
photo_camera Valtònyc

Após a confirmación da sentenza imposta pola Audiencia Nacional, o mallorquino Josep Miquel Arenas Beltrán –Valtònyc– acaba de recorrer ao Tribunal Constitucional a pena, que o levaría a pasar tres anos e medio na cadea polas súas cancións. Os cargos que se lle imputan –enaltecemento do terrorismo, calumnias e inxuria graves á Coroa– amosan paralelismos con outros casos do Estado de ataques á liberdade de expresión.

“Imaxinamos que o recurso dános un pouco de marxe, por volta dun mes ou vinte día é até que teñamos resposta”, explica Valtònyc, quen admite que non gardan “moitas esperanzas”. Fronte á acusación, o músico está a receber unha grande vaga de mostras de solidariedade chegadas desde todos os puntos do Estado. “Recibimos apoio de todos lados: grupos, festivais, políticos, medios… esta cuarta-feira estamos en Lleida, na sexta-feira estaremos en Barcelona, a próxima semana en Euskal Herria…”, enumera.

Se o procedemento xudicial llo permite, Valtònyc estará no Festigal 2018, que, como é tradición, se celebrará os días 24 e 25 de xullo en Compostela

No próximo verán, se o procedemento xudicial llo permite, Valtònyc estará no Festigal 2018, que, como é tradición, se celebrará os días 24 e 25 de xullo en Compostela. Alén do seu caso particular, o rapeiro insiste en que a súa condena é sintomática dun procedemento sistemático. “Cando acaben cos músicos, irán polos tuiteiros, cando rematen con eles irán polos xornalistas… Trátase da maquinaria represiva do Estado, que está moi ben engraxada e persegue a resistencia intelectual nun contexto de crise do réxime do 78”, afirma Valtònyc, quen defende que “a xente o último que ten que facer é amedrentarse”.

Comentarios