Maps to the Stars

Unha desapiadada mirada á sociedade hollywoodiense para público escéptico e para mitómanos que queiran desintoxicarse.

maps
photo_camera maps

Maps to the stars 


Ano: 2014
Duración: 112 min.
Nacionalidade: canadense
Director: David Cronenberg
Guión: Bruce Wagner
Fotografía: Peter Suschitzky
Música: Howard Shore
Elenco: Julianne Moore, Mia Wasikowska, John Cusack, Olivia Williams, Robert Pattison, Evan Bird, Sarah Gadon, Carrie Fisher

SINOPSE

O doutor Stattford Weiss é un terapeuta de Hollywood que fixo fortuna escribindo libros de autoaxuda. Vive coa súa sobreprotectora esposa e un fillo en rehabilitación. A súa mellor cliente é unha actriz de traumas freudianos que está a piques de protagonizar o papel que fixo a súa nai fai 30 anos. Por riba, a súa outra filla acaba de saír do psiquiátrico de Florida coa firme intención de facer unha visita familiar e aclarar algúns asuntos do pasado.
 
CRÍTICA

O director canadense David Cronenberg volve, tras Cosmópolis, a tocar dunha maneira ácida o mundo do luxo, falta de valores e decadencia da neo-burguesía do século XXI. Se naquela adaptaba, con bastante pouca fortuna, a profética novela de Don DeLillo, en Maps to the Stars analiza o mundiño de Hollywood sobre un guión de Bruce Wagner, que xa fora guionista de Escenas de loita de sexos en Beverly Hills polo que parece que controla o tema. O filme inmíscese de cheo na insán e crepuscular sociedade burguesa da zona podente de Los Ángeles a través dos ollos dunha atípica familia de éxito pero con moito que ocultar.

"Baixo esa fachada de familia modelo, agóchase unha familia completamente desestruturada: un fillo actor de 13 anos en proceso de desintoxicación, unha controladora esposa atacada dos nervios e unha filla ingresada desde pequena nun psiquiátrico

A familia do psicoterapeuta Stattford Weiss nada na abundancia nunha luxosa casa no medio de Beverly Hills (Los Ángeles). O doutor continúa amasando fortuna grazas a escribir libros de autoaxuda que se converten automaticamente en best-sellers. Pero baixo esa fachada de familia modelo, agóchase unha familia completamente desestruturada: un fillo actor de 13 anos en proceso de desintoxicación, unha controladora esposa atacada dos nervios e unha filla ingresada desde pequena nun psiquiátrico que agora, ao cumprires 18 anos, queda libre e o primeiro que decide facer é unha visita a súa familia. Esta reaparición vai pór en perigo o estado de benestar que tanto lle custou levantar ao bo do doutor Weiss e que, por descontado, non está disposto a prescindir por nada do mundo. Cronenberg perde algo fol respecto aos últimos traballos no que contaba con Viggo Mortensen (Unha historia de violencia, Promesas do Este, Un método perigoso). De feito Mortensen foi o primeiro candidato para interpretar ao doutor Weiss, pero rexeitou o papel que foi parar a John Cusack. Agora semella que o verdadeiro “muso” de Cronenberg é Robert Pattison que repite tras Cosmópolis. En Maps to the Stars ten un papel menos protagonista, cousa bastante de agradecer. Con todo pódese dicir que Pattison non desentoa demasiado. Se en Cosmópolis viaxaba a todo luxo nunha limusina, en Maps to de Stars conduce unha. Cando menos curioso pero de seguro que non é casual... Porén a verdadeira sorpresa do filme é sen dúbida a interpretación da australiana Mia Wasikowska (Stoker, Só os amantes sobreviven) nun rol de esquizofrénica que parece feito á medida. Do máis destacado do filme xunto con Julianne Moore (Hannibal, Fillos dos homes), que acadou en Cannes e Sitges o Premio á Mellor Actriz polo seu papel de actriz madura obsesionada coa nai e con volver a desfrutar coas meles desa fama que foi perdendo paseniñamente a medida que o paso dos anos foi deixando signos evidentes na súa faciana e no seu corpo. Completan o reparto John Cusack (Grand Piano, Identidade) e Olivia Williams (O Escritor, Sabotage), os cabezas de familia que tratan de ocultar un pasado turbio e vergoñento que, de saír á luz, de seguro arruinaría por completo as súas vidas.

"Retorna a ese ton onírico-realista dos seus comezos no xénero como aderezo a esta sátira con toques de drama, comedia e toques fantásticos".

Maps to the Stars describe un mundo tan sedutor coma repelente. Unha combinación brutal para destripar a unha burguesía absolutamente acomodada, insegura de si mesma e cun ego incapaz de encaixar a insoportable levedade de ser. Para puntualizar ese egoísmo, Crónenberg apóiase na inestimable fotografía do seu director de fotografía habitual Peter Suschitzky, e tira do recurso de plano-contraplano en practicamente todas as secuencias de conversas e diálogos. Mantén un encadre coidadosamente planificado onde as personaxes falan entre si pero quedan soas no plano, subliñando esa individualidade e soidade que impera na deshumanizada sociedade que describe. Unha sociedade habitada por persoas que precisan do eloxio constante coma sustento mental que afaste a idea de que non sempre van poder manter a beleza nin o éxito. Nenos mimados nun mundo de endogamia burguesa que só parece capaz de crear monstros autodestrutivos que sobreviven a base de ansiolíticos, drogas e psiquiatras. Agárranse ao que sexa con tal de acalar traumas e temores. Incluso tiran da repetición dun mantra que repiten unha e outra vez a modo de conxuro para facer desaparecer as pantasmas. Un mantra sacado do poemario do francés Paul Éluard: “Nos meus cadernos de escola / no meu escritorio e nas árbores / na area na neve / escribo o teu nome / Liberdade”. Unha liberdade que só se pode acadar dunha maneira nun dos finais máis poéticos e discutidos do ano pasado. Aínda que lonxe do mellor Crónenberg, Maps to the Stars é unha agradable mostra de recuperación. Retorna a ese ton onírico-realista dos seus comezos no xénero como aderezo a esta sátira con toques de drama, comedia e toques fantásticos. Unha desapiadada mirada á sociedade hollywoodiense para público escéptico e para mitómanos que queiran desintoxicarse.

Comentarios