martes 07/12/21

Manuel Xestoso: "En Portugal aínda existe ese pouso da Revolución que pon a cultura nun lugar privilexiado"

Conversamos con Manuel Xestoso, crítico e xornalista de Nós Diario, após recibir este domingo o prestixioso Grande Prémio de Jornalismo Internacional Carlos Porto, no Festival de Almada, en Portugal, pola crónica publicada en Nós Diario en 2020, “O público é quen máis ordena”. 
manuel xestoso foto de luana santos
Manuel Xestoso no acto de recollida do premio (Foto: Luana Santos)

-Que significa para vostede recibir este premio do Festival de Almada? Cales son os lazos que o unen a ese encontro?

Pois supoño que é algo tópico, pero sobre todo sorpresa. Sorpresa e agradecemento, claro, porque non é moi habitual que as persoas que nos dedicamos á crítica obteñamos un recoñecemento.

Coñezo o festival desde hai moitos anos, como espectador e como crítico, e Almada propicia sempre o encontro, o coñecemento e o intercambio entre as persoas que acoden alí. É un dos poucos lugares onde podes discutir de teatro con profesionais que veñen de todas as partes de Europa, e mesmo de América. Mais de aí a que che recoñezan o traballo... non o esperaba.

-Vive o teatro. Que representa para vostede?

O teatro é a continuación da vida por outros medios. Probabelmente o teatro sexa a arte, a actividade artística ou a expresión artística que máis se parece ao que nós vivimos día a día porque se dirixe á comunidade. O ser humano, gústelle ou non, é un ser social. No teatro aprendemos un pouco a marcar as regras da vida en comunidade. A marcalas, modificalas, reflexionar sobre elas... 

-Desde "O público é quen máis ordena", o traballo co que gañou o galardón, desde esa Grândola, que valoración fai do festival no artigo premiado?

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Na crónica premiada destácase principalmente o compromiso do público de Almada co Festival, de aí o título. O ano pasado, cando estabamos aínda saíndo do máis duro da pandemia, os responsábeis do Festival fixeron unha enquisa entre as persoas abonadas e máis da metade responderon que, no caso de que o festival tivese lugar, renovarían a súa subscrición. Mesmo algunhas persoas de idade responderon que non acudirían aos espectáculos por precaución, mais que comprarían o abono igualmente. Naquel momento de incerteza, pareceume algo formidábel: o festival era do pobo de Almada, que o ía defender incondicionalmente. Creo que iso é o máis extraordinario que se pode dicir de calquera evento cultural.

-Para quen non o coñece, que destacaría deste encontro? É un bo espello no que mirarse o teatro galego?

Se cadra, o que debemos “copiar” de Almada é precisamente que as fórmulas que teñen éxito son as que non copian modelos. Existe un “circuíto” de festivais de verán que case sempre responde ao mesmo patrón, que repite as mesmas pautas en calquera lugar de Europa. Almada afástase desa forma de facer e conseguiu un gran prestixio internacional a base de combinar autores internacionais que poden achegar pistas sobre novas formas de facer teatro e un apoio constante á escena portuguesa. É ademais un lugar de reflexión onde se discute sobre o teatro do noso tempo e onde se tenden pontes entre os creadores do pasado e os do presente, asegurando a continuidade da escena nacional. Almada é un espazo de debate que vai máis alá da exhibición de espectáculos para converterse nun foro de pensamento sobre o teatro e sobre a sociedade.

-Hai “público” na Galiza para as artes escénicas?

Remítome ao informe que presentou o Consello da Cultura Galega (CCG) o ano pasado sobre o teatro, no que se consultaron os creadores, os produtores, o público... Eu creo que hai público, e hai aínda máis público potencial. O que fai falta é unha política que acompañe o público. Hai que darlle certas facilidades para que se achegue ao teatro. O público hai que motivalo para que chegue ás salas de teatro e aquí carecemos diso, a verdade. En canto se dan as condicións mínimas para unha programación teatral cunha certa coherencia, o público medra, e non tarda moito. O que ocorre é que iso non se dá na Galiza.

-Comenta a falta de apoio institucional. Cales son, desde o seu punto de vista, os deberes pendentes? 

Os deberes pendentes son todos. O primeiro que fai falta é un plan de teatro, como o que se elaborou xa un par de veces. Nunha delas quedou colgado en 2009 co bipartito (o Goberno bipartito caeu e aquel plan esqueceuse) e a outra, en 2016, foi cando toda a profesión teatral (creadores, representantes da crítica, da distribución...) se reuniu e elaborou conxuntamente un anteproxecto de Lei do teatro para que se debatese no Parlamento. Todo aquilo esqueceuse, non se debateu nunca e, por tanto, estamos faltos dun plan, é dicir, de que haxa uns obxectivos que se poidan avaliar periodicamente, e basicamente dunha política cultural sensata que non sexa repartir diñeiro arbitrariamente, unha política cultural seria. Falta ter un rumbo e saber onde queremos chegar, nin sequera é unha cuestión de diñeiro. Actualmente, no Goberno ninguén ten un modelo serio de como debería ser o sistema teatral galego, é todo improvisación. 

-Como crítico teatral, cal diría que é a situación do teatro en Portugal? E na Galiza? 

Este ano de pandemia, loxicamente, afectou moito á creación teatral en todas as partes, mais en Portugal aínda existe ese pouso que deixou unha Revolución que puña a cultura nun lugar de privilexio no desenvolvemento da vida social. Na Galiza, as institucións seguen desconfiando da cultura: non é xa que non a consideren unha prioridade, é que ás veces semella que a consideran un inimigo a bater.

En xeral, iso provoca moitos problemas para o intercambio: Portugal segue a ser un mito para a Galiza, mais do mito á realidade hai unha gran distancia. Para que a relación funcionase sería fundamental que houbese un acollemento aquí: programar espectáculos portugueses na Galiza, invitar creadores portugueses a participar en proxectos realizados aquí... e iso non ocorre. En Portugal, porén, si que existen moitos proxectos nos que se invita a participar a persoas e compañías da escena galega. Hai unha asimetría no intercambio que ten a ver non con falta de ganas pola parte galega, senón con esa maior fraxilidade das nosas estruturas que provoca a falta de apoio institucional.

-O domingo decorreu a entrega do Premio e o feche do Festival de Almada. Como o recibiu? Nesta edición do festival cales foron as liñas temáticas que marcaron o encontro?

Foi un momento moi emotivo, e máis aínda recibindo o galardón un 25 de Xullo. 
O nivel das propostas teatrais é en xeral moi bo. Como adoita ocorrer neste Festival, trátanse temas que son de interese social, máis ben directo (sen ser necesariamente teatro combativo). Sempre hai algo para reflexionar desde o palco sobre a convivencia. Por exemplo, desde un texto ao principio moi vangardista e moi cachondo, irónico, o Discurso sobre o filho da puta, de Alberto Pimenta. Nesta obra fai unha clasificación arredor dos distintos tipos de fillos da puta que hai e acaba dando unha lectura moi política da relación do poder coa sociedade. Logo, en Viagem a Portugal de Joana Craveiro, reflexiónase sobre que é un país. Este é un espectáculo que estaría moi ben poder ver na Galiza porque o debate sobre a identidade nacional non é exclusivo da Galiza, existe en todas as partes, tamén en Portugal, e dá unhas cantas pistas das cousas sobre as que habería que pór o acento. 

Mais gustaríame destacar un espectáculo, Um gajo nunca mais é a mesma coisa, da Companhia de Teatro de Almada. Um gajo tocou un tema que até o de agora foi moi tabú en Portugal porque puxo o foco nos soldados que combateron nas guerras coloniais e que volveron a Portugal após Revolución dos Cravos, xa outro país. Foron case 800.000 ex combatentes, un debate que segue vivo. Ademais, viñeron moitos ex soldados ver este espectáculo, para comprobar como eran tratados, e foi unha das grandes pezas da edición deste festival.

Logo está a representación internacional, que sempre é de primeira orde e da que, neste ano, quedei particularmente fascinado con Molly Bloom, a adaptación do último capítulo do Ulysses de Joyce que dirixe Jan Lauwers e que constitúe unha auténtica lección de teatro.

Manuel Xestoso: "En Portugal aínda existe ese pouso da Revolución que pon a cultura nun...
comentarios