Por unanimidade

Manuel Vilar, escollido novo director do Museo do Pobo Galego

Licenciado en Xeografía e Historia e mestrado en Xestión de Patrimonio Cultural, Manuel Vilar asume a dirección do Museo do Pobo Galego tras nomealo, por unanimidade, o padroado da entidade.

maxresdefault
photo_camera [Imaxe: Youtube] Manuel Vilar, nunha conferencia

                               Manuel Vilar foi elixido este sábado, 25 de maio, director do Museo do Pobo Galego. Así o decidiu o padroado, por unanimidade, nunha asemblea despois dun proceso de selección ao que concorreron 12 nomes, segundo puido coñecer Sermos Galiza.

O antropólogo, que asumirá o cargo nas próximas semanas, realizou traballos de campo sobre diversos aspectos relacionados co patrimonio etnográfico e cos museos e ten participado en diferentes congresos.

A dirección do museo, que foi creado en 1976 co obxectivo de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos, así como de crear e desenvolver un museo ao servizo destas finalidades, permanecía vacante desde o falecemento de Carlos Martínez, en marzo de 2018.

Justo Beramendi, presidente da entidade, salienta en declaracións a este medio o traballo realizado por Vilar como etnógrafo e antropólogo, así como a súa traxectoria como colaborador no museo, onde chegou a ser responsábel da Secretaría. "De quen se presentou ao proceso de selección é o que mellor coñece o museo, as súas necesidades, os seus problemas e o seu persoal. Ten méritos científicos como etnógrafo e tamén méritos como persoa vinculada ao museo desde hai moitos anos", afirma o historiador.

Entre as obras de Manuel Vilas destacan Teóricos da Arte, o Dicionario Xaquín Lorenzo “Xocas” e a Guía dos Faros da Costa da Morte. Recibiu o premio de investigación convocado polas asociacións de Cámaras de Comercio dos Camiños Xacobeos por un traballo sobre o camiño de Fisterra e Muxía.

Colaborador habitual de Terra e Tempo, participou do caderno especial V aniversario de Sermos Galiza, cun artigo sobre patrimonio e arqueoloxía e mais no monográfico sobre Antonio Fraguas que acompañou o semanario en papel Sermos Galiza número 346.

Comentarios