O galego Manuel Segade, novo director do Museo Reina Sofía

O xestor cultural galego é o actual director do Museo Centro de Arte Dous de Maio (Móstoles), dependente da Comunidade de Madrid.

Manuel Segade, novo director do museo Reina Sofía. (Foto: Bea Abbad)
photo_camera Manuel Segade, novo director do museo Reina Sofía. (Foto: Bea Abbad)

O ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, elevará esta terza feira ao Consello de Ministros español o nomeamento do galego Manuel Segade como novo director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, segundo informou o Ministerio.

Cultura anunciou que Segade foi o candidato que obtivo maior puntuación durante o proceso de selección.

O Ministerio asegura que o procedemento de elección garantiu "a publicidade e concorrencia atendendo aos principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade". Ademais, reitera que asegurou a participación do Real Padroado do Museo co asesoramento dun Comité de expertos e profesionais do mundo da cultura e da súa xestión composto por cinco profesionais de "recoñecido prestixio" internacional.

Desta maneira, Segade convértese no sétimo director do Museo Reina Sofía desde a súa posta en marcha hai máis de 30 anos. Tomás Llorens, o primeiro dos directores, María del Corral, José Guirao, Juan Manuel Bonet, Ana Martínez de Aguilar e o propio Borja-Villel foron os seus predecesores.

O padroado celebrado esta segunda feira 5 de xuño comunicou os elixidos ao ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, quen elevará ao Consello de Ministros o candidato definitivo. Segade será o sucesor de Borja-Villel á fronte da pinacoteca de arte contemporánea.

Segade (A Coruña, 1977), actualmente director do Museo Centro de Arte Dous de Maio (Móstoles), dependente da Comunidade de Madrid, foi o candidato que obtivo maior puntuación e será a proposta do ministro Iceta esta terza feira no Consello de Ministros para ocupar o posto de director do Museo Reina Sofía.

Segade é licenciado en Historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Exerceu como coordinador de programación do espazo Metrònom da Fundación Rafael Tous d'Art Contemporani de Barcelona e como Comisario xefe do Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela).

Comentarios