Manuel Rivas, Ugia Pedreira, Chévere ou a Cova Eirós entre os galardóns da crítica da Galiza

Xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural da Galiza para presenciar este fallo.
A sede de Afundación en Vigo enchéuse de público nos Premios da Crítica (Foto: Premios da Crítica)
photo_camera A sede de Afundación en Vigo enchéuse de público nos Premios da Crítica (Foto: Premios da Crítica)

Manuel Rivas, Ugia Pedreira, Chévere ou a Cova Eirós son algúns dos galardoados este ano cos Premios da Crítica da Galiza, que se desvelaron este sábado nun acto celebrado na sede de Afundación en Vigo.

Baixo o lema 'Galicia é infinda', do poeta Florencio Delgado Gurriarán, xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural da Galiza para presenciar este fallo.

No transcurso do acto, que foi conducido pola escritora Ledicia Costas, Bieito Ledo, presidente e fundador dos Premios da Crítica da Galiza, fixo un percorrido pola memoria desta iniciativa pioneira organizada en Vigo desde hai 45 anos.

Desde comezos do mes de outubro, as 56 persoas compoñentes dos oito xurados traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

As propostas galardoadas

En concreto, na modalidade de creación literaria, o elixido foi o escritor Manuel Rivas por O que fica fóra, mentres que Xavier R. Mariñán fíxose co de investigación, por A figuración galega en Irlanda.

O premio de iniciativas culturais e científicas foi para a investigación do paleolítico das serras orientais na Cova Eirós e o de cultura gastronómica para María Varela, cociñeira da Parada das Bestas.

Finalmente, Ugia Pedreira fíxose co premio de música, Mónica Alonso co de artes plásticas, Chévere co de artes escénicas e Atalante co premio de cinema e artes audiovisuais.

Comentarios