Manuel Rivas será guionista dunha serie sobre narcotráfico

O escritor coruñés escribirá para Globomedia 'Oeste', unha serie sobre o narcotráfico en Galiza tomando como punto de partida a súa novela 'Todo é silencio'. 

Manuel Rivas
photo_camera Manuel Rivas

Manuel Rivas asómase a un novo reto na súa carreira como narrador: escribir a súa primeira serie para TV, “Oeste”, unha gran historia sobre o narcotráfico ambientada en Galiza. O escritor desenvolverá este proxecto en colaboración con Daniel Écija, un dos creadores de ficción televisiva máis recoñecido do Estado, ademais de presidente de Globomedia, unha das principais produtoras da Península. 

A serie, en fase de desenvolvemento, abordará o pasado e o presente do narcotráfico en Galiza, tomando como punto de partida a época dourada do narcotráfico nos anos oitenta e contando o rexurdimento nos últimos anos. A narración desenvolverase a través de personaxes reflexo dos históricos do narco e tamén dos que agora protagonizan o mesmo negocio con outro estilo. 'Oeste', segundo a produtora, “presentará un retrato naturalista do narcotráfico e dos seus protagonistas a un e outro lado da lei. Un mosaico de personaxes verosímil arredor dunha actividade delitiva que permaneceu impune durante moitos anos”. 

Manuel Rivas definirá un universo de personaxes que terá como referencia “Todo é silencio” e que, desde a cercanía coa realidade, permitirá coñecer ao gran público un dos fenómenos delitivos máis importantes e con máis repercusión da historia. Con varias das súas novelas adaptadas con éxito ao cine (O lápis do carpintero, A lingua das bolboretas), Rivas adentrarase nun mundo que coñece moi ben, como xornalista que seguiu a actividade do narcotráfico e como novelista que utilizou este argumento para un dos seus libros.

A serie rodarase nos mesmo espacios naturais nos que ocorreron os feitos fundamentais do narcotráfico en Galiza. As rías galegas terán un protagonismo fundamental nesta ficción ao igual que o teñen na realidade do narco. 

Esta produción está capitaneada pola produtora Globomedia, fundada polo propio Écija e Emilio Aragón, e responsable de títulos como 'El internado' ou 'Águila roja'. Ademais participará a empresa galega Ficción Producciones, que ten producido filmes como 'Hospital real' ou 'Códice'. 

Comentarios