Manuel Rivas inaugura a Praza dos Libros de Carballo lembrando a Paco Souto

Este evento cultural botou a andar esta mañá co pregón de Manuel Rivas, que lembrou ao compañeiro poeta Paco Souto. 

rivas-carballo
photo_camera Manuel Rivas lendo o pregón en Carballo [Foto: Concello de Carballo]

O escritor coruñés deulle pistoletazo de saída a esta feira literaria cun pregón no que lle desexou "longa vida ao libro", parabenizou a Carballo e a sua cidadanía, e chamou a que "viva e floreza a nación galega". Ademais, fixo unha sentida lembranza do poeta Paco Souto finado o pasado marzo, que, segundo Rivas, "pertence á nosa mellor estirpe, á estirpe da xente ceibe, dos ceibes solidarios, e velaí unha das súas creacións poéticas que amosa esa natureza rebelde e liberadora".

Rivas fixo unha sentida lembranza do poeta Paco Souto: "pertence á nosa mellor estirpe, á estirpe da xente ceibe, dos ceibes solidarios"

Praza dos Libros abre desde hoxe quinta feira até o domingo 9 de xullo, dando acubillo a diferentes actividades literarias e culturais. Haberá numerosas presentacións de libros, como 'Charamuscas' de Suso Lista; 'Lendas da Costa da Morte', de Xan F. Carrera; 'Kosmocán' de Alberto Varela; 'Costa do Solpor' de Xosé María Lema; ou 'Contos mariños de Carballo', de Xabier Maceiras. Tamén haberá sinaturas de autoras como Rosalía Fernández Rial ou Diana Varela, e unha homenaxe poético-musical a Paco Souto para pechar o domingo. 

Alén da literatura, tamén haberá concertos para nenos (de Pirilampo, de Brinca Vai e do libro 'Fantasí coas palabras') e para maiores, co Festifolk Costa da Morte o sábado, con VinteenBaio, Druídas da Rolda, Xacarandaina e os escoceses Capercaille; ademais do concerto de MJ Pérez o domingo. 

Comentarios