Manuel Olveira, principal candidato para dirixir o MUSAC

O que fora director do CGAC, Manuel Olveira postúlase como principal aposta do PP para pechar a  crise do MUSAC despois da dimisión da directora Eva González Sancho, a só tres meses de tomar posesión do cargo. 

Manuel Olveira, que dirixiu o CGAC do 2005 ao 2009 nomeado pola Consellería de Cultura xestionada entón polo BNG con Ánxela Bugallo como conselleira, é agora o máis firme candidato a dirixir o MUSAC, o centro de arte contemporánea de León que foi no seu momento referente no ámbito cultural. De confirmarse o nomeamento, o galego Manuel Olveira ocuparía o posto que vén de abandoar Eva González Sancho, despois de denunciar duramente o control do PP do centro de arte, denuncia para a que contou co apoio de boa parte do cadro de persoal do centro. 

Olveira podería ocupar o posto de director do MUSAC, praza á que xa se candidatara cando foi seleccionada Eva González Sancho, que dimitiu a só tres meses ao acusar de falta de autonomía na súa xestión. Os xornais de León aseguran que Olveira teríase xa entrevistado coa Conselleira de Cultura, Alicia García, do PP. 

Olveira xestionou o CGAC co BNG na Consellaría de Cultura e mantívose uns meses no posto con conselleiro do PP, Roberto Varela e recibiu a confianza do PSOE da Coruña para poñerse á fronte do Centro Ágora, posto no que non chegou a desenvolver o seu programa ao chegar o PP ao goberno da Coruña despois das eleccións municipais. 

A dimisión de Eva González provocou unha grande polémica no ámbito cultural ao ser o MUSAC un centro de referencia e polas graves acusacións efectuadas pola directora, unha muller de prestixio no ámbito da xestión artística que por vez primeira na súa intensa traxectoria se sitúa no centro dunha polémica. 

Comentarios