IDEADA POR UN ALUMNO DE 1º DE BACHARELATO

Manuel María tamén en App

Parece que non hai lugar das nosas vidas ao que non cheguen as aplicacións de móbil. E semella que non as hai máis oportunas e actuais do que esta. Unha App sobre Manuel María

capa
photo_camera capa

Unha App conmemorativa de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016 , coa colaboración da Fundación Manuel María e da Casa Museo onde se materializa o seu legado. Falamos de Letras 2016. Manuel María, a App (pode instalarse desde aquí) que Alberto Suárez, alumno de 1º de bacharelato do IES David Buján de Cambre, puxo ao noso alcance. Por detrás do que vemos en pantalla hai moito traballo desenvolto por alumnado de Debuxo artístico de 1º de bacharelato, compañeiras e compañeiros de Alberto. E tamén moita implicación do profesorado, non moi diferente da de cada día mais que aflora ao exterior en determinados momentos.

A aplicación recolle vinte poemas, desde "Acuso á clase media" a "Terra Chá", con recitados do propio autor e ilustracións que acompañan os poemas feitas polo propio alumnado

Interesámonos por coñecer como xurdiu esta iniciativa e Alberto responde axiña:

IMG_7013“Xurdiu dunha tarefa de lingua, o amigo invisíbel. Tiñamos que facerlle a un compañeiro, a unha compañeira un agasallo cun poema de Rosalía de Castro, para o 24 de febreiro. Eu decidín facer unha app con cinco poemas de Rosalía. A Pilar, a miña profe, gustoulle a idea e propúxome facer unha app sobre Manuel María”.

E despois disto, que? A proposta está ben, mais como facer. Ora ben, parece que todo estaba claro, “entre os departamentos de Debuxo, de Lingua Galega e mais eu -continúa a contar Alberto- organizamos o traballo. Os profes de Lingua seleccionaron os textos e contactaron coa Casa Museo Manuel María para pedir os audios, e Silvia, a miña profe de Debuxo, deseñou un logo e unha imaxe de portada. E pediulle ao alumnado de Debuxo artístico que ilustrasen algúns poemas do autor das Letras 2016. Eu fixen a programación e finalmente, subina ao Play Store”. Xa está, ven que fácil?

Insistimos cunha pergunta máis: Música, voz, ilustración e tecnoloxía. Pode ser ese o combinado para difundir mellor a produción literaria dun autor? E temos inmediata resposta “En principio, non ten versións musicadas, trátase de textos na súa voz e, na próxima actualización, na nosa voz. Penso que as novas tecnoloxías deben ser aproveitadas en todas as materias, incluso nas de letras, para facer actividades coma esta app, que permitan achegar a poesía cada vez a máis xente. E que mellor que escoitar os recitados na voz do propio autor!”

E finalizamos coa pergunta inevitábel, comprometedora: Algún outro proxecto á vista? E chega a resposta decidida: “Si, sempre hai proxectos, xa teño feita unha app que permita calcular o peso das vacas con dúas sinxelas medidas, que lle facilite o labor a gandeiros e veterinarios coma meu pai. Tamén me deu a idea dunha app para ornitoloxía que reconte o número de aves avistadas. Pero de momento estou concentrado na mellora da app de Manuel María, que é un traballo ao que aínda lle queda moito. Por iso necesitamos tamén colaboración para a súa difusión”

ominhoPois por nós non vai quedar. Unha aplicación ben feita, un bo recurso para conmemorar ao autor nas aulas e nas casas, para achegar os seus poemas a todas, a todos e por toda a parte do mundo. E iso coa axuda dunhas tecnoloxías que se seguen a chamar novas por máis que para persoas como Alberto e o resto de compañeiras e compañeiros son xa de toda a vida, de toda a súa vida.

A autoría das imaxes é de IES David Buján e Alberto Suárez

Comentarios