martes 04/08/20

Manuel María, un Poeta Nacional para as Letras Galegas

Militante na lingua e a literatura mais tamén académico, o escritor ao que se lle dedicará o vindeiro Día das Letras Galegas é unha das figuras centrais da literatura galega do século XX, e aventura un ano de especial intensidade na cultura de base coa Casa Museo en Outeiro de Rei como referente. 

Manuel María
Manuel María

A primeira homenaxe que Manuel María recibirá poucos días despois de ser elixido polo pleno da Academia comoescritor homenaxeado no vindeiro Día das Letras Galegas será na súa propia casa e virá do mundo que tanto animou e no que se converteu nun colaborador necesario. Se este sábado é o mundo académico quen recoñece os seus méritos para ser merecente do día grande das letras galegas o vindeiro haberá oportunidade de conmemorar a decisión na Casa Museo en Outeiro de Rei, sede da Fundación que leva o seu nome, na que, por segundo ano consecutivo se desenvolverá o II Convivio da Cultura Galega que convoca o tecido asociativo na súa xuntanza anual. 

Que as asociacións culturais escollan a casa natal de Manuel María para se xuntaren no seu encontro anual non é gratuíto. O escritor foi, sen dúbida, o meirande animador desa cultura que nacía desde a base, desde a sociedade que organizaba e promovía a cultura e a lingua polo país enteiro e que tiña nel un xeneroso cómplice e animador. Sería ese o xermolo, que el tan ben abonara, para unha conmemoración que volvería a tomar forza en asociacións e entidades coas que Manuel María colaborou con tanta intensidade. 

Nado en Outeiro de Rei da Terra Chá o 6 de outubro de 1929, Manuel María forma parte desa primeira xeración de escritores monolingües en galego que fixeron causa da lingua non só na súa escrita senón tamén no seu compromiso social e político. Despois de anos de formación en Lugo, nun tempo no que a literatura se lle achega por medio de iniciais lecturas e polo encontro no tempo que pasaba en Outeiro de Rei con Manuel de Paderna, traballadora da súa casa, que o achega á creación oral, Manuel María entra de novo no mundo literario. 

Aínda sen cumprir os vinte anos pronuncia no Círculo das Artes de LugManuel María o a súa primeira conferencia canda escritores como Ánxel Xohán, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro ou Carballo Calero. Os seus primeiros versos en galego nacerían naquel tempo, negro sobre branco que se imprime na revista Xistral, de historia tan vencellada a súa traxectoria. 

Obra inicial e pioneira

En 1949 vería a luz o primeiro libro da súa longa e xenerosa bibliografía. Muiñeiro de brétemas converteríase, da man da colección Benito Soto de Pontevedra, no libro alboral da súa escrita mais tamén no primeiro libro en galego dun poeta novo que se publica despois do levantamento militar de 1936. Con el nacería a que pasaría a se chamar na nosa historia literaria a Escola da Tebra. 

No seu tempo de Compostela, cidade na que fai o servizo militar, afortálase a amizade con Uxío Novoneyra e toma contacto con intelectuais como Carlos Maside ou Otero Pedrayo. Despois dun tempo en Lugo e coa súa compañeira até a morte, Saleta Goi, Manuel María instálase en Monforte de Lemos, onde exercería como procurador mentres rexentan unha libraría que se convertería en verdadeiro polo cultural do concello. 

"Manuel María forma parte desa primeira xeración de escritores monolingües en galego que fixeron causa da lingua non só na súa escrita senón tamén no seu compromiso social e político". 

Nos anos sesenta o seu compromiso co nacionalismo intensifícase nos anos sesenta, coa participación militante que mantería até a súa morte. Libros como Documentos persoaes (1958) ou Mar Maior (1963) nacen ao abeiro daqueles anos nos que se pulaba pola reorganización nunha terra na que o franquismo aínda perseguía a militancia política. Comeza neste tempo a época na que o nome de Manuel María comeza a emerxer en moreas de iniciativas culturais e políticas, ao longo dun país que el coñeceu e amou como poucos. Manuel María está tanto no emerxer da Nova Canción Galega como na colección de poesía Val de Lemos, animando a nova produción discográfica e editorial. A súa poesía é permeábel a este tempo de compromiso nacional e os versos de combate nacen valentes nos seus libros. 

Militante da AN-PG e despois do BNG e candidato nacionalista en diversas ocasións, Manuel María sería activista da lingua e a cultura en entidades como a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a Mesa pola Normalización Lingüística. partillando tamén da actividade do nacionalismo político e sindical. En cambio, en 1975 a súa actitude crítica lévao a renunciar á condición de membro correspondente da Real Academia Galega por non responder ás necesidades da defensa da nosa lingua, institución á que volvería como numerario nos derradeiros anos da súa vida, en 2003, nun multitudinario acto de entrada que se desenvolveu, pola súa vontade, na Terra Cha. Manuel María morrería o 8 de setembro do ano seguinte e o seu corpo foi velado no Panteón de Galegos Ilustres onde recibiría unha homenaxe continuada do mundo dCasa Manuel Maríaa cultura ademais dunha multitudinaria despedida de galegos e galegas a quen fora un dos poetas, tantas veces cantado, que máis conectara co sentir popular. 

A súa ampla obra poética foi publicada ao completo en dous volumes por Espiral Maior, editorial dirixida polo tamén poeta Miguel Anxo Fernán Vello, en 2002. Acollerían os títulos e poemas publicados no xénero privilexiado polo posibelmente escritor de máis ampla obra da nosa contemporaneidade, con libros non só en poesía senón tamén en narrativa, teatro, ensaio, ademais dunha xenerosa produción de artigos xornalísticos. A súa obra continúase a ampliar con novos títulos e edicións que publica a Fundación Manuel María, que ten a súa sede na casa natal do escritor aberta o 7 de setembro de 2013 cun acto no que o mundo da cultura rendeu unha nova homenaxe a quen era un escritor especialmente querido e admirado. Non só compañeiros e compañeiras da República das Letras lembraron en Outeiro de Rei a súa obra. Tamén desde o ámbito da música foron moitas as voces solistas e en grupo que lle puxeron voz a súa obra, sen dúbida, unha das que máis pegou no sentir popular e se converteu tantas veces en himno das reivindicacións nacionais. 

comentarios