Manuel María no Culturgal para nenos e maiores

Xa chegan os primeiros produtos do Ano Manuel María. Neste Culturgal presentarase o libro-disco para nenos e nenas Canta o cuco, con textos musicados por Uxía e Magín Blanco. E a Fundación Manuel María presenta un disco de Uxía en directo con letras do poeta chairego. 

cantaocuco
photo_camera 'Canta o cuco'

O domingo ás 12h no Culturgal terá lugar o concerto de presentación do libro-disco de Sonárbore (Galaxia) «Canta o Cuco. Uxía e Magín Blanco na casa de Manuel María», con Guillerme Fernández á guitarra e Santiago Cribeiro ao acordeón. O libro conta ademais con ilustracións de Leandro Lamas.

Ademais, a Fundación Manuel María presentará tamén o domingo á tarde (18.15h) o novo disco de Uxía con letras do poeta chairego que foi gravado durante o concerto ao vivo que a artista ofreceu o pasado 6 de outubro na Casa-Museo do escritor. 

O disco incorpora un porta-poemas e 52 composicións poéticas de Manuel María, unha para casa semana do ano. Cada exemplar, ademais, contén unha folla de carballo da Carballeira da Santa Isabel de Outeiro de Rei.

A Fundación estase a preparar para o 2016 inmersa na reedición das obras máis emblemáticas do autor, dado que moitas delas están “descatalogadas ou esgotadas”, segundo Fran Rei, responsable de actividades da Casa-Museo. “Queremos que sexa un ano moi dinámico nas aulas dos centros de ensino e por iso estamos a elaborar tamén unidades didácticas para todas as idades, que xa se poden descargar da nosa web, ou mesmo panxoliñas escritas polo propio Manuel María”.
 

Comentarios